Os Magostos Veciñais repartirán 400 quilos de castañas polos barrios de Lugo

LugoXa
A Federación Lucus Augusti continuará co seu programa ata o 18 de novembro, con celebracións en Paradai, San Lázaro, Hombreiro, Sagrado Corazón, Fonte dos Ranchos, Montirón, Garabolos-Piringalla e Castiñeiro
magostos-veciñais-federacion-lucus-augusti-Lugo
5 Nov 2026

A Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo Lucus Augusti continúa desenvolvendo o seu programa 'Magostos Veciñais', unha iniciativa que leva a tradición do outono a diferentes barrios e parroquias do municipio. Tras a primeira celebración, o pasado 28 de outubro na Milagrosa, a entidade seguirá percorrendo distintos puntos de Lugo co reparto de aproximadamente 400 quilos de castañas.

O calendario de encontros continuará este xoves 5 de novembro en Paradai e o venres 6 en San Lázaro. O sábado 7 será a quenda de Hombreiro, nunha celebración organizada pola asociación veciñal coa colaboración da Federación. A programación seguirá o 11 de novembro no Sagrado Corazón, o día 13 en Fonte dos Ranchos e o 15 en Montirón, onde tamén se encargará da organización a asociación veciñal correspondente co apoio de Lucus Augusti.

As seguintes citas serán o 16 de novembro en Garabolos-Piringalla e o día 18 en Castiñeiro. A celebración prevista en Fingoi aínda ten pendente a confirmación da súa data.

A Federación destaca a colaboración das asociacións veciñais, fundamentais para facer posibles estas xornadas de convivencia, que buscan reunir veciños de todas as idades arredor dunha tradición popular. A entidade convida as familias, a mocidade e as persoas maiores a participar nos encontros e gozar das castañas e do ambiente festivo.

0.16034984588623