XuvenLugo celebra os 25 anos cunha nova edición do 6 de decembro ao 7 de xaneiro
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo ábrelle as súas portas a unha nova edición de Xuvenlugo, un dos salóns de actividades máis consolidados de toda Galicia, e que este 2023 cumpre un cuarto de século de vida. A mocidade luguesa poderá gozar este Nadal, concretamente entre o 6 de decembro e o 7 de xaneiro, dunha ampla oferta de ocio.
Como vén sendo habitual, Xuvenlugo dividirase en diversas áreas con actividades pensadas para distintas idades. Deste xeito, contará cunha ludoteca, dirixida a nenos e nenas de cero a sete anos, onde se desenvolverán xogos e talleres de animación xestionados por monitores e monitoras coa súa correspondente cualificación. O público dun rango de idade superior gozará dunha zona de videoxogos, dun campo interior de minigolf, dunha pista de slot (circuíto para coches de xoguete teledirixidos, semellante ao clásico Scalextric), dun rocódromo e dunha ampla variedade de atraccións e inchables.
Aínda que haberá un total de 23 días de actividade, celebraranse dúas xornadas moi especiais: o 23 de decembro, Papá Noel irá recoller as cartas e escoitar os desexos dos mozos e mozas; mentres que o 4 de Xaneiro será un paxe dos Reis Magos o que visitará o recinto para tomar nota dos agasallos que deberán repartir días despois. Nos dous casos haberá unha ambientación adecuada para poder sacar fotos cos protagonistas.
A novidade principal de Xuvenlugo con respecto a edicións anteriores é o sorteo de tres cestas con material escolar. As persoas gañadoras deste agasallo escolleranse entre as que escriban cartas dirixidas a Papá Noel e aos Reis Magos e tamén as asistentes o día 1 de xaneiro. “É o xeito que temos de agradecerlle á xente a súa participación ano tras ano, á que animamos a sumarse de novo á consolidación desta iniciativa, que marca a chegada do Nadal a Lugo”, subliñou durante o acto de presentación Rubén López, xerente da Fundación de Feiras e Exposicións, quen tamén lembrou que se sortearán, como se vén facendo nos últimos anos, entradas a través das redes sociais.
Pola súa banda, o deputado de Mocidade, Daniel García, convidou “a familias e rapazada de todas as comarcas a desfrutar deste espazo de ocio co que colaboramos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que amplía as opcións de lecer para as nenas e nenos nuns días de moita ilusión”, ao tempo que puxo en valor a “oportunidade que XuvenLugo ofrece de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos”.
Mentres, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, remarcou que "o XuvenLugo contará cunha gran cantidade e variedade de actividades, nos que a rapazada que se achegue poderá atopar algo que se adapte ao seu gusto” e destacou “que se programen días e franxas horarias sen ruído, apostando por un ocio inclusivo”.
Calendario, horarios e prezos
No mes de decembro, o salón poderá visitarse do día 6 ao 10, do 15 ao 17, do 21 ao 23 e do 25 ao 30. Xa en xaneiro, os nenos e nenas gozarán das actividades do día 1 ao 4 e o 6 e 7. O 15 e o 21 de decembro serán xornadas de portas abertas, con acceso de balde para todo o mundo.
O horario será de 16:30 a 20:30 e hai diferentes prezos: a entrada xenérica terá un custo de 7 euros; a de Concellos, Colexios e Asociacións (para un mínimo de 15 persoas) terá un importe 5 euros; e o bono para grupos de 10 persoas poderá adquirirse por un total de 60 euros. Todas as atraccións están incluídas, agás o minigolf, a pista de slot, a varredora e o rocódromo.