Os mellores magos do mundo reúnense en Lugo na Gala Internacional de Maxia Galicia Ilusiona

LugoXa
A gala reunirá a algúns dos mellores e máis premiados ilusionistas do mundo
Gala-Galicia-Ilusiona-
10 Out 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou unha nova edición da Gran Gala Internacional de Maxia Galicia Ilusiona que se desenvolverá o venres 18 de outubro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo e que conta, un ano máis, co apoio do Goberno autonómico. Na presentación interviñeron tamén os directores da iniciativa, os magos Dani Polo e Pedro Bugarín.

A gala reunirá a algúns dos mellores e máis premiados ilusionistas do mundo: Mago Murhpy (España) que exercerá de mestre de cerimonias do espectáculo, Jerome Murat (Francia), Kimoon Do (Corea do Sur), Lore Lavand (Arxentina), Nestor Hato (Francia) e o dúo Ramó and Alegría (España). Haberá dous pases, ás 18.30 e ás 21.00 horas.

Javier Arias destacou o traballo realizado polos organizadores do Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona para “poñer a Lugo e a Galicia no foco do ilusionismo mundial durante o mes de outubro, brindándonos a oportunidade de ver sobre o mesmo escenario aos magos e magas máis premiados a nivel internacional”. Lembrou ademais o éxito acadado nas dúas anteriores edicións do certame, nas que 70.000 espectadores desfrutaron da programación despregada en toda a comunidade. As entradas para acudir á Gran Gala Internacional de Maxia poden adquirirse a través da web oficial do evento (https://galiciailusiona.es/).

0.21195077896118