Os nenos de Barreiros recibiran uns libros para colorear

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
26 Dec 2019

A deputada provincial de mocidade, Mónica Freire Rancaño, visitou nestes días a escola infantil municipal de Barreiros acompañada dunha delegación do goberno municipal, onde fixo entrega de varios exemplares do libro editado pola institución provincial Coloreando a provincia de Lugo para a súa distribución por parte do executivo barreirense.

Os exemplares repartiranse como agasallo de Nadal ás nenas e nenos do centro municipal co fin de que “desde as idades máis novas teñan nas súas mans, dun xeito didáctico e divertido, algúns dos lugares máis fermosos de Lugo”, explica a deputada.

Nos libros poderán darlle cor a lugares que lles resultarán familiares, como a praza da catedral de Mondoñedo, a praia de Augas Santas de Ribadeo ou o porto de Burela. E tamén poderán achegarse á muralla romana de Lugo ou aos Ancares.

A concelleira barreirense de educación, Montse Porteiro, agradece a colaboración da institución provincial e remarca a importancia de pór en valor o patrimonio desde as idades máis novas, incidindo en que por medio das nenas e nenos estes lugares tamén chegarán ás persoas adultas coas que poden compartir ese tempo de lecer, aprendendo mentres xogan a colorear.

Estes exemplares tamén serán repartidos polo concello a xeito de premio nos distintos eventos culturais que se celebren no municipio, co fin de que cheguen a todas as familias posibles e poidan servir tamén de escaparate para a provincia.

0.15904712677002