Os novos talentos do Alpha Wolf Pack brillan no Furious BJJ con tres vitorias por finalización

LugoXa
Samuel Fernández e Pablo Pérez, promesas do club lucense, impuxéronse nos seus combates por invitación nun evento nacional de Jiu Jitsu Brasileiro celebrado en Benavente
Alpha-Wolf-Pack-Lugo-no-Furious-BJJ
7 Jul 2026

O club Alpha Wolf Pack de Jiu Jitsu e MMA de Lugo, dirixido por Krön Castaño, asinou unha destacada actuación no Furious BJJ, un evento nacional de Jiu Jitsu Brasileiro celebrado no Polideportivo Municipal Los Sauces de Benavente (Zamora), ao que acudiron dous dos seus deportistas máis prometedores na categoría infantil.

A competición contou cun formato diferente ao habitual, xa que non se tratou dun torneo con eliminatorias, senón dunha sucesión de Superfights, combates previamente concertados aos que só se podía acceder mediante invitación da organización. O evento desenvolveuse cun único combate cada vez, concentrando toda a atención do público arredor do tatami e creando un ambiente especialmente intenso. En total disputáronse 73 enfrontamentos.

O Alpha Wolf Pack estivo representado por Samuel Fernández e Pablo Pérez, que responderon á confianza da organización cun pleno de vitorias.

Samuel Fernández disputou unha Superfight na modalidade Gi, con quimono, e resolveu o combate en menos de 20 segundos. Tras realizar un derrubo, pasou a garda, acadou a montada e conseguiu a vitoria por finalización mediante unha americana, unha técnica de luxación ao ombreiro, sen conceder opcións ao seu rival.

Pola súa banda, Pablo Pérez afrontou dúas Superfights, unha na modalidade No Gi, sen quimono, e outra en Gi. No primeiro combate impúxose tamén por finalización en menos de 30 segundos, ao lanzar directamente á garda e aplicar un rápido armlock, unha chave de brazo que non deu marxe de reacción ao seu opoñente.

Na segunda loita, xa con quimono, Pablo volveu lograr a vitoria por finalización, desta vez cun armlock executado desde a garda nun combate que apenas superou o minuto de duración.

Con estes resultados, o Alpha Wolf Pack reafirma o bo nivel da súa canteira e o traballo que está a desenvolver na formación de novos talentos do Jiu Jitsu Brasileiro.

0.13329410552979