Os populares critican as estradas sen desbrozar que dan mala imaxe da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
6 Aug 2019

Os populares critican o “lamentable” estado no que se atopan as estradas de titularidade provincial debido a que “a Deputación aínda as mantén sen desbrozar cando xa estamos nos primeiros días de agosto”. Así o condenan os alcaldes e portavoces do Partido Popular que se fan eco das queixas “continuas” dos veciños e veciñas dos distintos municipios da nosa provincia. Particularmente, esta situación “afecta moi negativamente ás zonas turísticas da provincia de Lugo” como son os concellos da comarca da Mariña ou os da Ribeira Sacra que reciben moitos visitantes nestas datas de verán.

“É unha situación que se estende á totalidade dos concellos da provincia e que afecta á seguridade viaria de lucenses e visitantes que viven situacións de perigo a diario por mor da escasa visibilidade das estradas provinciais debido a que as súas beiras están sen desbrozar e a maleza invade boa parte da calzada”, expoñen dende o Partido Popular.

O voceiro do PP no concello de Barreiros, Alfonso Fuente, lamenta que “a día 5 de agosto sigan sen desbrozar as estradas da Deputación que son as que dan, principalmente, acceso ás praias dende a estrada nacional”. 

“Nesta época de tráfico elevado é un perigo que as estradas permanezan sen limpar. A maleza e a brozada ocupan o arcén das estradas e boa parte dos carrís onde non o hai polo que fan case imposible que se crucen dous coches nestas vías”. Ademais, lamenta que “este abandono das marxes das vías supón tamén perigo de atropelo para os peóns. Xa houbo algún susto neste sentido”, advirte.

Igualmente, tamén é de titularidade provincial a estrada que conecta o interior do municipio pasando pola parroquia de San Xusto “onde se celebrarán as festas nos vindeiros días e, polo tanto, tamén rexistrará o paso de moitos coches”.

Fuente Parga preguntou á alcaldesa no pleno do pasado 31 de xullo polos desbroces nas estradas da Deputación que asegurou que “Barreiros sería un dos concellos por onde primeiro comezarían eses traballos. De feito, apuntou que comezarían xa nesa mesma semana; pero vemos que non foi así e a previsión é que se alcanzará a segunda quincena de agosto e as estradas estarán aínda sen desbrozar”. Pero, ademais, tamén distintos viarios de titularidade municipal das parroquias de Barreiros permanecen “aínda sen rozar”.

“Non se entende a falta de previsión por parte da institución provincial en relación á posta en marcha dos traballos de roza das beiras das estradas que son da súa titularidade” cando “precisamente na época estival, cando máis medra a maleza, tamén é cando máis visitantes recibe a nosa provincia e, polo tanto, cantos máis desprazamentos se producen por estas vías que conectan moitos pobos”. Á falta de seguridade e á mala imaxe que se desprende desta situación, hai que engadir tamén, expoñen, “o incremento do risco de incendio que supón manter estes espazos sen rozar nunha época na que se rexistran altas temperaturas”.

O alcalde popular do Saviñao, Carlos Armesto, asegura que “as estradas da Deputación son, a comezos de agosto, coma un embude para os vehículos que discorren pola zona porque as estradas municipais están rozadas –incluso estamos a aplicar un segundo desbroce, engade-, pero as da Deputación están sen rozar cando xa pasou boa parte do verán”.

Concretamente, explica Armesto que “as estradas de titularidade provincial constan dun ancho de 5 metros, aproximadamente, que se ve reducido en medio metro por cada unha das marxes debido a que a maleza está sen rozar e invade a calzada”. Desta forma, faise moi difícil o paso de dous coches de forma simultánea. E, este problema, segundo expón o rexedor popular, “afecta especialmente ás parroquias do sur do Saviñao porque a titular de boa parte das súas estradas é a Deputación. É o caso das que conectan diversos puntos de interese turístico e que están a recibir gran afluencia de xente coma a que une Belesar e A Cova ou a que conecta a igrexa da Cova con Fión e Escairón; ademais da que da acceso á igrexa de San Vitorio de Ribas de Miño ou a algunhas adegas que manteñen diversas actividades de atractivo turístico agora no verán, entre outras”.

0.17277884483337