Os populares de Lugo piden novas prazas para aparcar na parcela cedida pola Diócese de Lugo
O Partido Popular de Lugo solicitou a creación de novas prazas de aparcamento na parcela situada en Noriega Varela, detrás da Capela do Carme, que foi cedida ao Concello pola Diócese de Lugo. Esta solicitude está baseada no convenio aprobado pola Xunta de Goberno Local o 1 de marzo de 2023, no que se establecía a cesión do terreo por un período de catro anos, permitindo ao Concello executar as obras necesarias para acondicionalo como aparcadoiro público.
O Partido Popular critica que, a pesar da gran necesidade de aparcamento de balde no centro de Lugo, non se fixo nada para aproveitar o terreo dispoñible. Segundo a formación, non só non se acometeron as obras previstas, senón que tampouco se mantén a parcela limpa, o que está a causar molestias aos veciños do barrio.
A situación agrávase, segundo o PP, co feito de que o Goberno local aprobou en xullo solicitar un novo convenio á Administración autonómica co mesmo obxectivo que o convenio xa existente. O PP considera que esta acción busca que a Xunta solucione os problemas de aparcamento que o propio Goberno municipal xerou, ao non ser capaz de xestionar a parcela cedida.
A formación demanda que o Concello de Lugo actúe de inmediato para acondicionar a parcela e crear as prazas tan necesarias na zona, antes de que finalice o prazo de cesión do terreo.