Os populares de Lugo rexeitan a subida de impostos
O Partido Popular de Lugo informa que xa está aberto o prazo de 30 días naturais para a presentación de alegacións ás ordenanzas fiscais aprobadas polo PSOE e BNG no pleno do xoves 26 de setembro, no que os populares votaron en contra á subida de importos. O prazo para rexistrar as alegacións remata o 13 de novembro. A voceira do PP, Elena Candia, criticou a xestión económica do goberno local, argumentando que, a pesar de contar con máis ingresos pola participación nos tributos do Estado (2.512.265,39 euros) e de xestionar 51 millóns de euros de remanentes nos últimos cinco anos, o Concello incrementou o seu endebedamento ao contratar un préstamo de 13,5 millóns de euros para investimentos.
Candia cuestionou a decisión do goberno de subir os impostos aos veciños sen comprometerse a mellorar a xestión municipal nin aclarar como se mellorarán os servizos con ese incremento de ingresos. O Partido Popular votou en contra da suba de catro taxas que afectan directamente á cidadanía: plusvalía, saneamento e abastecemento, sumidoiros e o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Segundo Elena Candia, o goberno local dispón de mecanismos para incrementar os ingresos municipais sen ter que trasladar este esforzo económico aos veciños.
Candia criticou especialmente o aumento do recibo da auga, argumentando que a mala xestión do servizo non debería repercutir nos petos dos lucenses. Explicou que existe unha significativa perda de auga por fugas ou consumos ocultos, o que resulta nun custo de 5.182.242,45 euros que deben pagar os veciños, aínda que esa auga non chega aos domicilios e empresas. A voceira popular tamén criticou a retirada de fondos de servizos esenciais como o abastecemento de auga para destinalos a festas, como se evidenciou nunha modificación de crédito de 17.950 € para cubrir gastos de videovixilancia durante o San Froilán.
Ademais, rexeitou a suba da plusvalía, cualificándoa de inxusta e prexudicial para pequenos aforradores e propietarios, mentres favorece aos especuladores. En canto ao IBI, Candia lembrou que Lugo ten o segundo imposto máis caro de Galicia, despois de Vigo. A popular tamén pediu claridade respecto ao posible cambio no tipo de gravame do IBI para as fincas situadas en áreas de expansión, o que podería supoñer unha suba significativa para os propietarios de máis de 15.000 metros cadrados nas parroquias de Lugo, ao pasar de pagar o IBI rústico ao urbano segundo a normativa vixente.