Os populares viveirenses propoñen vinte medidas para facer fronte á crise

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O grupo municipal do PP de Viveiro presenta numerosas propostas ao Concello para axudar aos cidadáns e aos sectores produtivos a superar a crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19, e as súas consecuencias na economía.
26 Apr 2020

O grupo municipal do PP de Viveiro presenta numerosas propostas ao Concello para axudar aos cidadáns e aos sectores produtivos a superar a crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19, e as súas consecuencias na economía. Os populares queren que se constitúa unha comisión especial, formada por representantes de todos os grupos municipais, persoal técnico e representantes das asociacións de comerciantes.  No aspecto económico, queren que se destine a este plan de intervención municipal fronte a crise unha partida na que se inclúan os cartos destinados a  festas e actos culturais que non se poden celebrar.

Algunhas das medidas propostas polos populares teñen que ver con impostos e taxas. Así, propoñen que non se cobre por ocupación de vía pública por este ano aos locais de hostalería. Igualmente, din que non se debe cobrar, ou, no seu caso, que se subvencione, a recollida de lixo, abastecemento de auga e saneamento a todos os locais comerciais que tiveron que pechar debido á crise; queren que esta mesma medida se aplique “a todas aquelas persoas vulnerables ou en situación económica de risco, ao menos mentres dure o confinamento”.

Na mesma liña, o PP propón que non se cobre no que resta de ano por ocupación de vía aos comerciantes que participan “con permiso e asiduamente  no mercado, tanto no da Praza Maior como no denominado “Corte Inglés” . Queren o mesmo trato para a venda ambulante.

En canto ao Imposto de Bens Inmobles, o PP propón: “Redución do IBI aos propietarios de locais con actividade comercial, tanto se é actividade propia como en aluguer e que non cobren o aluguer no tempo de peche por imperativo legal. Esta redución podería ser proporcional ao tempo de peche, ao índice mínimo que marque a Lei”. Esta mesma medida pretenden que sexa aplicable “a todos os traballadores que perderan o seu posto a consecuencia do Covid-19”.

Por outro lado, os edís populares queren que se dean axudas económicas directas a fondo perdido a todos os comerciantes que, por imperativo legal, teñan que adoptar medidas para reiniciar a súa actividade cando sexa posible.

Na mesma relación de iniciativas figura a de reforzar o servizo de atención social con traballadores propios ou contratados, mañá e tarde, para atender debidamente ás persoas máis vulnerables e controlar diariamente o reparto de alimentos. En materia de  alugueres, os populares propoñen bonos a fondo perdido para axudar a veciños en situación vulnerable, ou que perderan o traballo.

Os populares cren que o Concello ten que desenvolver unha campaña de promoción do comercio local e dar prioridade á tramitación das licenzas de obras para estimular a actividade laboral.

No aspecto sanitario, o PP propón a compra de mascarillas homologadas para repartir no rural e as persoas maiores, así como o baldeo de calzadas e beirarrúas

Noutra orde de cousas, os populares queren que se facilite acceso a Internet aos estudantes que carecen del; tamén cren preciso un servizo de préstamo na biblioteca municipal, con entrega e recollida por voluntarios ou persoal laboral; igualmente pretenden que se ofrezan programas de entretemento por medio da páxina web do Concello

Outras iniciativas son as seguintes: facilitar duchas e aloxamento aos transportistas, facilitar a xestión de trámites administrativos a quen carece de medios para levalos a cabo; tramitación de solicitudes de axudas económicas a outras administración.

Por último, os concelleiros populares demandan que as bandeiras estean a media hasta e con lazo negro en memoria dos falecidos a causa do coronavirus Covid-19.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19470500946045