Os Premios Mestre Mateo presentan en Lugo os catro gañadores dos premios especiais

LugoXa
As liñas descontinuas, Antes de nós, Bibopalula e Pipo recibiron os galardóns nunha gala no MIHL
premios-mestre-mateo-lugo-finalistas-premios-especiais
7 Mar 2026

O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolleu a xuntanza de finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo.

No acto estiveron presentes Lucía Veiga e Carmen Méndez, presidenta e vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual; Iria Castro, deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; Maite Ferreiro, concelleira de Cultura de Lugo; o director de Agadic, Jacobo Sutil, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias e as finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo.

A xuntanza iniciouse coa entrega dos premios especiais, que recaeron nas series Bibopalula e Pipo e nos filmes As liñas descontinuas e Antes de nós. Despois tivo lugar a tradicional foto de familia das finalistas.

Zaira Dapena Castro, directora Territorioal de ABANCA en Lugo foi a encargada de entregar o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade á serie Bibopalula "por integrar de forma coherente, creativa e responsable os valores da sostibilidade tanto na súa proposta narrativa como na súa vocación pedagóxica.".

Bibopalula é a primeira serie musical de debuxos integramente en galego. O proxecto foi creado por Laura Mahía e Andrés Mahía e producido por Undodez en colaboración coa Televisión de Galicia. A serie está protagonizada por un grupo musical chamado A Banda do Bosque, formado por un merlo, un paporrubio, unha pega e un peto. Os catro amigos, xunto con outros paxaros, vivirán aventuras relacionadas coa natureza, a música e o seu entorno onde se enxalzarán valores como a amizade, a empatía ou a resolución de conflitos de maneira pacífica.

Ademais, ao redor da serie destacan iniciativas como a publicación dun conto infantil, contido adicional en Youtube, unha aplicación móbil específica, a participación en plataformas de música e unidades didácticas para os colexios.

O Premio Deleite á promoción da lingua foi para a serie web Pipo, recoñecendo o seu labor na creación de contidos audiovisuais que achegan o galego ás novas xeracións dun xeito natural, creativo e próximo.

A serie Pipo conta a historia de Berta, unha nena de seis anos que vive coa súa nai e co seu irmán pequeno. Un día atopa no patio da casa a Pipo, un pequeno extraterrestre que cae do ceo, e decide agochalo no seu cuarto. Pipo é ruidoso, desordenado e moi comellón, pero pouco a pouco intégrase na familia mentres aprende costumes humanos. A vida diaria de Berta convértese así nunha aventura chea de humor, curiosidade e imaxinación. A serie parte dunha idea orixinal de Andrés Mahía, está dirixida por Laura Mahía e conta con música orixinal de Santi Jul e Iván Laxe, dentro dun equipo creativo que combina animación, humor e unha clara vocación pedagóxica para achegar contidos audiovisuais en galego ao público infantil.

O Premio Martín Códax Rías Baixas, Fillo do Atlántico foi para o filme As liñas descontinuas "pola súa sensibilidade e capacidade para converterse en embaixadora do espírito das Rías Baixas trazando un relato que proxecta unha imaxe auténtica e contemporánea de Galicia, na que a música ocupa un lugar esencial, reforzando o vínculo entre cultura, mocidade e creación".

As liñas descontinuas é un filme dirixido por Anxos Fazáns e protagonizada por Mara Sánchez e Adam Prieto. A produción de Silvia Fuentes e Nuria Landete conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís un rapaz trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral, un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.

Ademais, Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, foi o encargado de entregar o Premio Especial do Público Galicia Calidade á longametraxe Antes de nós, un recoñecemento a unha produción que destaca pola súa aposta pola calidade artística e técnica, contribuíndo a reforzar a proxección e o prestixio do audiovisual galego.

Esta foi a primeira edición na que o público puido participar directamente na elección dun dos galardóns, votando ás súas producións favoritas a través da web oficial dos Premios Mestre Mateo. En total rexistráronse máis de 2.000 votos, unha cifra que amosa a implicación e o interese da audiencia polo audiovisual galego, unha participación que tamén se viu reflectida no éxito de asistencia ás distintas actividades previas organizadas arredor da gala, como os encontros cos protagonistas da gala ou as proxeccións das longametraxes finalistas.

A longametraxe Antes de nós propón unha aproximación íntima á figura de Castelao a través da relación coa súa muller, Virxinia, nun relato que se desenvolve en dous momentos clave das súas vidas. Dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, a película está protagonizada por Xoán Fórneas e Cris Iglesias e conta cun equipo técnico no que destacan a música de Sofía Oriana, a fotografía de Lucía C. Pan e a produción executiva de Zaza Ceballos, construíndo un retrato humano e emocional dun momento decisivo na vida de Castelao e na historia cultural de Galicia.

A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 21 de marzo en Lugo, no Auditorio Fuxan os Ventos, e recoñecerá o talento das producións galegas máis salientables do último ano.

0.13256692886353