Os primeiros artistas do Coliving do Carme avanzan nos seus proxectos tras a primeira semana de residencia

Os tres artistas seleccionados para a primeira edición das residencias artísticas do Coliving Municipal do Carme de Lugo xa completaron a súa primeira semana de estancia neste espazo, onde desenvolverán os seus proxectos creativos ao longo de tres meses. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, achegáronse ás instalacións para coñecer de primeira man as impresións iniciais dos creadores e interesarse polo inicio dos seus procesos artísticos.
As artistas Marta Cuba García, procedente da Coruña, e María Susinos Sancho, de Cantabria, xunto co artesán e creador Álvaro Corral Cid, de Ourense, explicaron os primeiros pasos das propostas coas que pretenden destacar tanto o patrimonio rural do municipio como o Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, tomando como eixo o propio coliving municipal.
O concelleiro de Dinamización Económica, principal impulsor da recuperación e posta en valor da antiga casa do pintor Gómez Pacios a través dun programa financiado con fondos europeos, sinalou que esta primeira residencia artística nace coa vontade de cumprir o obxectivo co que foi creado o CAM, concibido como un laboratorio de innovación artística no que a cultura e a arte, en todas as súas disciplinas, se convertan nun motor de desenvolvemento sostible para o municipio.
Repetto subliñou ademais que esta primeira edición permitirá fomentar sinerxías artísticas, culturais e profesionais entre persoas, disciplinas e iniciativas diversas, ao tempo que se contribúe á dinamización do tecido social, empresarial e cultural da cidade.
Os tres artistas becados desenvolverán proxectos nos que se mesturan distintas disciplinas creativas. As propostas inclúen a elaboración dunha cancela artística inspirada na artesanía téxtil galega, unha intervención pictórica sobre teas de liño e unha instalación que combina danza e bordado, tendo o Coliving Municipal do Carme como escenario central.
O alcalde interesouse especialmente por uns proxectos que, segundo destacou, ademais de promover a cultura e a arte, permitirán poñer en valor a contorna natural de Lugo, a súa paisaxe e o seu patrimonio rural, así como o Camiño Primitivo, que discorre xunto ao propio coliving. Tamén quixo coñecer as valoracións iniciais dos artistas sobre o espazo no que traballarán durante os próximos meses.
Neste sentido, os creadores coincidiron en sinalar que, malia as condicións meteorolóxicas adversas rexistradas durante a primeira semana, se sentiron moi cómodos nunha contorna que cualificaron de privilexiada e especialmente propicia para o proceso creativo. Ademais, puxeron en valor a convivencia e a posibilidade de xerar sinerxías entre os distintos proxectos, destacando que os seus perfís se complementan e poden resultar moi enriquecedores desde o punto de vista artístico.
A partir da vindeira semana, os artistas comezarán a desenvolver de maneira efectiva as súas propostas, tituladas ‘Cancela Fermosista 01’, ‘Lluvia templada’ e ‘Venera’, ao tempo que participarán en actividades paralelas como charlas con escolares, encontros con outros artistas, iniciativas abertas ao público en xeral e actos con asociacións, nos que compartirán as claves dos seus procesos creativos e artísticos.