Os problemas de mobilidade da cidade de Lugo: Atrasos nas infraestruturas, accesos e conexións

LugoXa
Lugo presenta deficiencias en cuanto a movilidad. Carece de autovías, estaciones anticuadas y frecuencias de transporte público escasas.
tren vías
17 Apr 2022

A cidade de Lugo, gran destino turístico, cun valor patrimonial moi importante e de gran relevancia a nivel internacional, é un dos núcleos urbanos máis abandonados da comunidade galega en canto a conexións e accesos se refire. Na actualidade, o máis sinxelo é chegar á cidade a través dun vehículo propio e, aínda así, poucas son as autovías directas que conectan con ela.

Fai pouco tempo limitáronse as conexións ferroviarias e se reduciron o número de frecuencias en autobús. Ademais, o aeroporto máis próximo é o da Coruña, a 102 quilómetros, unha hora e cinco minutos pola ruta máis corta. Isto dificulta que as persoas interesadas na cidade poidan achegarse á mesma sen un vehículo propio.

Durante o ano 2021 houbo un descenso xeral de usuarios turísticos que acudiron á Oficina de Turismo nun 38% no ano 2021 con respecto ao ano 2019 (último ano pre-pandemia). O
descenso é moi acusado no caso dos turistas que viaxan organizados en grupos (no 2019 representaban o 30% sobre o total de turistas, mentres que no 2021 caeron ao 7%).

Atendendo aos lugares de procedencia, no último ano do que se teñen datos completos (2021), obsérvase como o turismo nacional foise recuperando e aumentando paulatinamente, non ocorrendo o mesmo cos estranxeiros.

O turismo que se produce en Lugo é sobre todo de proximidade (estatais e países estranxeiros próximos). No 2021 acolléronse a 25.500 turistas aproximadamente. Ampla maioría de turistas estatais, que representan aproximadamente o 90% sobre o total. Durante este período destaca a presenza de turistas galegos (15% sobre 4000 persoas), sobre todo das provincias de A Coruña e Pontevedra. 75% do resto de Comunidades (preto de 21.000 persoas).

Por comunidades autónomas, as que máis visitan Lugo son por esta orde: Galicia, Madrid (gran diferenza sobre o resto), Cataluña, País Vasco, Castela e León, Andalucía e Asturias (comunidades máis poboadas e tamén as próximas a Galicia).

Por países destacan Francia e Portugal. Outras nacionalidades europeas que tradicionalmente nos visitaban como Alemaña, Reino Unido ou Italia aínda non se recuperaron. Turistas procedentes de países de América foron moi escasos en 2021.

A maioría dos viaxeiros estaban en Lugo de paso, durante unhas horas, como parte dunha ruta para coñecer outros lugares de Galicia, sen ser o punto turístico principal da visita.

Estes datos reflicten que Lugo é un destino turístico elixido por aquelas persoas que están a viaxar en coche xa que o seu acceso mediante outros medios de transporte é algo complicado.

As conexións non só afectan aos viaxeiros de fóra de Galicia, senón que os veciños galegos tamén se ven prexudicados por esta falta de infraestruturas e servizos. Habitualmente, a mellor opción para moverse entre as cidades galegas é o autobús, aínda que o percorrido en autocar pode chegar a incrementar en dúas horas o mesmo traxecto en coche.

DEFICIENCIAS NAS CONEXIÓNS DENDE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA.

O traxecto Santiago de Compostela-Lugo é o que máis variedade horaria ten, habendo servizo directo e con paradas. O viaxe no autobús que non realiza paradas ten unha duración de 1 hora e media mentres que o que fai as paradas (ata en 55 puntos) tarda 2 horas. O prezo de ambas liñas é de 9,10 euros.

Tamén é posible realizar este mesmo traxecto en tren, o prezo do billete pode variar dende os 10 euros ata os case 18. Ademais, non existe unha liña directa dende a capital galega ata Lugo, por iso, entre transbordos e rutas, o tempo medio deste percorrido é de máis de 3 horas.

Pola contra, a viaxe Santiago-Lugo en coche viuse reducido en tempo grazas a apertura doutro tramo na autovía A-54. Na actualidade, o traxecto por estrada ten unha distancia de 103 km que se percorren en 1 hora 19 minutos.

Para viaxar de Coruña a Lugo tamén se recomenda a utilización de autobús. Existe variedade nos horarios aínda que, a maior parte das rutas son por estrada convencional polo que, a duración do traxecto sole ser de dúas horas. Nas liñas directas este redúcese a 1 hora e 25 minutos. O prezo para todas as frecuencias é de 8,60 euros. Este mesmo traxecto nun vehículo propio redúcese a 1 hora e 7 minutos pagando peaxe ou 1 hora e 12 minutos sen eles.

Por outra banda, o traxecto en tren tamén supón case o dobre de tempo que en coche. Sendo a ruta máis curta de 1 hora 51 minutos. Ademais, as frecuencias horarias redúcense a dúas no día.

Esta conexión ferroviaria xa foi posta a proba polo BNG de Lugo cando o portavoz do partido Rubén Arroxo, acompañado por cargos do grupo político da comarca, realizaron unha viaxe en ferrocarril desde Lugo á Coruña para amosar o tempo que require este traxecto. Os integrantes do BNG subiron ao primeiro tren que une as cidades de Lugo e a Coruña, que ás 8:25 e cuxa duración prevista era dunha hora e 47 minutos. O ferrocarril estivo parado máis de 30 minutos na estación de Curtis, debido a unha incidencia producida por un tren de mercadorías que realizaba o traxecto contrario, o que fixo que o percorrido dende Curtis ata a Coruña se tivese que realizar en autobús. O bus chegou á estación da Coruña ás 11:02, con 50 minutos de atraso sobre a hora prevista, e elevando o tempo total da viaxe a 2:35 horas.

A comunicación entre Ourense e Lugo é a única que é mellor por vía férrea, o traxecto dura pouco máis de hora e media e pódese facer por 9,40 euros. En autobús, tárdase un pouco máis e o prezo é un pouco inferior chegando aos 8,60 euros. Probablemente, esta é a cidade máis competente en canto á duración do traxecto dos medios de transporte en comparacion ao mesmo en vehículo propio, xa que en coche o traxecto faise nunha hora e 27 minutos, obtendo un resultado similar á utilización dos medios de transporte. O problema segue a ser a frecuencia e a variedade de horarios.

Os viaxeiros que queiran chegar á cidade amurallada dende Pontevedra poderán facelo en autobús nun traxecto que dura 2 horas e media e ten un prezo de 14,65 euros, media hora máis que en vehículo propio.

Dende Vigo o traxecto en coche a Lugo é de 187 quilómetros podendo chegar en 2 horas e 13 minutos con peaxe. A viaxe en autobús aumenta a duración nunha hora sendo o tempo mínimo de 3 horas 15 minutos. O prezo é de 16,65 euros.

Dende esta zona de Galicia non existe unha relación directa coa cidade de Lugo, para poder facer Vigo/Pontevedra - Lugo en tren, os interesados deberían chegar primeiro a Coruña ou Ourense e facer transbordo ata Lugo chegando a ter un custe de case 30 euros e unha duración de 4 horas.

A escaseza de conexións en medios de transporte públicos, supón que os interesados en chegar a Lugo teñan que optar polas estradas habendo grandes deficiencias nas mesmas debido á falta de accesos desde diferentes puntos de Galicia.

CONEXIÓNS COA MESETA.

Coa chegada do AVE a Ourense, abríase un camiño de luz nos lucenses, podendo acortar o traxecto dende a cidade amurallada ata a capital de España. Unha ilusión truncada polas recentes obras que Adif está levando a cabo na liña de ferrocarril que interrompe os trens entre Lugo e Monforte. Isto supón que os viaxeiros en vez de coller o tren en Lugo collan un autobús fletado por Renfe que os deixa na Intermodal de Ourense despois dunha hora e corenta minutos de viaxe por estrada. Alí, pasan outra hora e media ata a conexión en tren con Madrid, que dependendo a hora será un AVE ou un Alvia. Moitos son os viaxeiros que afirman que o traxecto dende Madrid ata Galicia é un suspiro que se fai pesado ao cruzar as fronteiras galegas, onde as conexións e infraestruturas impiden que os tempos nos traxectos sexan competitivos e desta época.

En coche o traxecto Lugo-Madrid é de 4 horas 51 minutos sen parar. Tan só 10 minutos máis que o traxecto máis curto en tren facendo os transbordos de medio de transporte necesarios. Mentres que en autobús o traxecto ten unha duración de 6 horas.

O traxecto dende Lugo ata outra das cidades máis importantes de España, Barcelona, pode facerse en coche nun período de tempo de 9 horas e 35 minutos, mentres que no autobús aumenta a 13 horas ou 14, dependendo da liña. En tren, a viaxe complícase e pode ser de 9 horas e media tendo en conta que a primeira parte da viaxe sería Lugo-Madrid coa alteración actual polas obras xa mencionadas.

Isto suscitou a creación da Plataforma Lugo non perdas o tren que está formada por diferentes colectivos sociais, veciñais, institucionais e organizacións sectoriais que reclaman que a provincia quede conectada cunha rede de alta velocidade. Solicitan redes adecuadas que comuniquen a cidade con Madrid, Barcelona, Irún e Tui en horarios e prezos adecuados. Ademais, tamén loitan para que Lugo non quede sen a Intermodal, unha estación moderna, interactiva e que favoreza e facilite os transbordos suplindo as deficiencias existentes na actualidade en Lugo. Afirmando que a cidade debería ter unha comunicación ferroviaria con todas as capitais galegas, modernas e adecuadas.

Ademais dunhas autovías que conecten Lugo co resto do territorio galego e español, demándase na zona unha estación que facilite facer transbordos cómodos e accesibles, coma noutras cidades de Galicia como Santiago, Ourense ou Vigo.

Na actualidade a Intermodal de Lugo é unha estación en proxecto á que ADIF destinará 5 millóns de euros.

O PROBLEMA DAS AUTOVÍAS NA CIDADE LUCENSE.

As autovías, son unha materia pendente en Lugo. Na actualidade, parece impensable que aínda queden provincias lindeiras sen conectar mediante unha vía de altas capacidades como pode ser a autovía. Este é o caso de Lugo e Ourense, dúas provincias limítrofes que evidencia o atraso en infraestruturas que ten a provincia de Lugo. Ademais, Lugo tampouco ten unha autovía que a conecte con Pontevedra.

A falta de infraestruturas deste tipo fai que os condutores teñan que empregar as estradas nacionais, que a veces presentan un estado lamentable de conservación, como a N-540 que suscitou unha recollida de firmas entre os veciños de Guntín, Taboada e Chantada para o arranxo desta calzada, chegando a queixa ao Valedor do Pobo e a mesma ao Defensor do Pobo de España. Isto se ve reflectido nun maior emprego de rutas alternativas que facilitan unha viaxe máis cómoda como o corredor de Monforte para ir de Ourense a Lugo e viceversa.

A construción da A-56 suporía a conexión por autovía entre Lugo e Ourense e permitiría crear un corredor europeo rápido e sen peaxes. O trazado desta autovía iniciaríase nun enlace coa A-54 nun punto próximo a Guntín, continuaría polos núcleos de Taboada, Chantada, A Barrela, Cambeo e Ourense, sendo o seu percorrido de 62 quilómetros e reducindo a distancia entre Ourense e Lugo a 86 quilómetros, en comparación aos 94 en mal estado da N-540. Este proxecto debería ser considerado como unha actuación que impulsa e incentiva o desenvolvemento económico. Supoñendo un maior potencial a través dun corredor de transporte polo interior de Galicia, que suporía un beneficio local, intercomunitario e transeuropeo.

Outro gran tema a debater é a autovía entre Santiago e Lugo xa que a cidade amurallada é a única cidade de Galicia que non ten unha conexión directa por estrada coa capital da comunidade autónoma. A A-54 inaugurou o seu primeiro tramo Santiago de Compostela-Lavacolla no ano 1999 e, na actualidade, máis de 20 anos despois, aínda ten dous tramos sen rematar. A finalización desta vía de altas capacidades permitiría realizar o traxecto dende a cidade de Lugo ata a de Santiago en tan só 50 minutos, en contra posición da case hora e media actual. A paralización das obras durante os últimos anos atrasou, de momento, a súa finalización ata o ano 2024 aínda que se prevé que o tramo Palas de Rei-Melide se inaugure no ano 2023.

Cando se adxudicaron as obras dos tramos que quedan sen rematar Palas-Melide e Melide-Arzúa contemplábase que estivera lista en 2022. Sen embargo, unha modificación do trazado para poder cumprir os requisitos ambientais e diversos problemas, dificultaron a execución das obras.

Isto non so prexudica ao turismo, recentemente citado, senón tamén ao transporte de mercadorías e aos veciños galegos que viaxan por traballo ou ocio.

A falta de autovías e o mal estado das estradas tamén supón unha dificultade para aquelas persoas de fóra que mostran interese en visitar Lugo xa que non existe unha conexión sinxela e cómoda dende os aeroportos ata a cidade amurallada.

CONEXIÓNS COS AEROPORTOS GALEGOS.

O aeroporto máis próximo á cidade de Lugo e o de Alvedro, na Coruña, grazas á autovía que conecta Lugo coa cidade herculina este traxecto pode realizarse en tan só 1 hora e 5 minutos sendo o máis accesible, 2 minutos máis se tarda en chegar ao Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, o problema está na comodidade da ruta, xa que ata o aeroporto da Coruña é case todo o viaxe por autovía mentres que ata o de Santiago é por estrada nacional. Sen dúbida, o peor conectado é o aeroporto de Vigo ao que se tarda 2 horas e 6 minutos pagando peaxe.

INTERMODAL DE LUGO.

A Intermodal de Lugo é a nova estación coa que contará a cidade á que ADIF destinou 5 millóns dos seus orzamentos para a construción deste novo emprazamento. Esta planifica manter nun mesmo espazo a estación de tren e a de autobuses facilitando os transbordos, aportando maior comodidade aos viaxeiros e modernizando os servizos.

0.17145705223083