Os Seat 600 volverán ás estradas de Lugo este domingo coa súa XXVI concentración

Lugo acollerá este domingo, 20 de setembro, a XXVI Concentración Seat 600 Lugo, unha cita que reunirá aos afeccionados a este clásico automobilístico nunha xornada que combinará a exposición dos vehículos, unha ruta pola provincia e actividades de confraternidade.
A programación comezará ás 9:30 horas na Praza Maior de Lugo, onde terá lugar a recepción dos participantes, a entrega dos dorsais e dos recordos da concentración. Ademais, todas as persoas participantes recibirán unha camiseta conmemorativa da xornada.
Ás 11:30 horas pecharase o prazo de inscrición e, media hora despois, ás 12:00 horas, os vehículos iniciarán a ruta con destino a Castro de Rei.
Unha vez alí, ás 12:30 horas, os participantes realizarán unha visita ao Castro de Viladonga e ao seu museo, antes de poñer o punto final á xornada coa comida dos clubs participantes, prevista para as 14:00 horas no restaurante Río Lea.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web do Club 600 Lugo ou no teléfono 699 70 74 69, contactando con Raymond.