Os socialistas esixen a Xunta que adxudique a Edar de Burela antes de xuño do 2020
A secretaria provincial Socialista e deputada autonómica, Patricia Otero esixe á Goberno de Feijoo que adxudique as obras da Edar de Burela antes de que remate o primeiro semestre de 2020, garantindo a aplicación dos fondos europeos e evitando a súa perda.
A secretaria provincial avanzou que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para que se faga esta obra tan necesaria para todas as veciñas e veciños de Burela. “Non podemos esperar nin un minuto máis, reclamamos, esiximos e demandamos que non nos tomen máis o pelo coa realización desta infraestrutura”, espetou.
Otero argumenta que “en Burela hai unha necesidade urxente dunha nova depuradora de augas residuais (Edar ). É un problema que arrastran os veciños e veciñas de Burela desde hai anos. Xa en decembro do ano 2011 o por aquel entón alcalde, o señor Barcia, admitía problemas case a diario coa depuradora de augas residuais e quería unha nova para o concello”.
Explica que “en abril de 2015 Augas de Galicia detectaba incumprimentos na dita depuradora. E en agosto de 2018 a UE avisaba a España por fallos na depuración en varios concellos galegos, entre eles o de Burela. As primeiras informacións apuntaban a que as novas instalacións da Edar poderían estar en funcionamento no ano 2017, pero os traballos fóronse dilatando e a día de hoxe seguen pendentes, correndo o risco serio de que se non se rematan estas obras en prazo se perdan fondos europeos”.
Así as cousas lembrou que a “Directora de Augas de Galicia dixo na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos da Xunta para o 2020, que nese ano se finalizará a redacción do proxecto de saneamento, orzamentando para iso 250.001 euros. Estamos a falar dunha obra que se prevé que rolde os 9.000.000 de euros”.
Otero replica que “ante esta situación é preciso unha actuación urxente, xa que a perda dos fondos comunitarios comprometería seriamente a viabilidade da nova depuradora de augas residuais”.
A maiores, a Deputada Autonómica quere saber “cales son os prazos que manexa a Xunta de Galicia para a construcción da nova estación depuradora de augas residuais de Burela?. E si considera a Xunta de Galicia “que cos prazos que baralla para a construción da nova Edar se poñen en perigo os fondos europeos previstos para esta construción?”.