Os socialistas esíxenlle á Xunta que abra o Museo da Romanización

LugoXa
A deputada socialista Lara Méndez reclamoulle á Xunta no pleno do Parlamento que “cumpra con Lugo” e recupere o proxecto
LaraMendez
24 Out 2024

A deputada socialista Lara Méndez reclamoulle á Xunta no pleno do Parlamento que “cumpra con Lugo” e recupere o proxecto do Museo da Romanización na cidade da Muralla. Lembrou que se trata dunha iniciativa que parte xa de finais dos anos noventa, co acordo do Concello de adquirir o antigo cuartel de San Fernando para convertelo nun equipamento cultural, unha compra que se materializou no 2003.

Durante o Goberno de Emilio Pérez Touriño, administracións municipal e autonómica asinaron un protocolo no que se incluíu, entre outros asuntos, a construción do Museo da Romanización, ao que seguiron os primeiros traballos no edificio, consistentes en catas arqueolóxicas para a rehabilitación do inmoble. Aínda que co cambio de goberno a Xunta do PP parecía manter a iniciativa, cun concurso de ideas e o anuncio dun investimento de 10 millóns de euros, no 2013 Feijoo paralizou o proxecto, que permanece bloqueado. Naquel momento xa contaba con deseño e proxecto básico.

Pese ás reiteradas demandas trasladadas durante os últimos anos, tanto a Feijoo como a Rueda, para que reactivaran o proxecto, e pese ás promesas de que se estudaría esa posibilidade, “non se fixo nada”, criticou a deputada lucense, que recordou que hai un ano, sendo ela alcaldesa, Rueda comprometeuse nunha comparecencia ante os medios de comunicación a financiar o museo, para negalo despois, pese a que a promesa está recollida en gravacións.

Lara Méndez lamentou a paralización dunha infraestrutura de gran importancia non só para a cidade luguesa, senón tamén para toda Galicia, tal como a propia Xunta recoñecía hai máis dunha década, pouco antes de mudar de postura para descartar o proxecto. Destacou que existen máis de 15.000 pezas catalogadas sobre o pasado romano, algunhas das cales se gardan incluso en domicilios particulares de arquólogos, á espera dun espazo axeitado tanto para a súa conservación como para a súa exhibición pública.

0.20244288444519