Os socialistas reclaman na Deputación de Lugo máis planificación da Xunta nos servizos sociais

O Grupo Provincial Socialista defenderá este martes no pleno ordinario da Deputación de Lugo unha moción para reclamar á Xunta de Galicia unha planificación real do sistema público de servizos sociais e atención á dependencia.
A iniciativa pide ao Goberno galego que elabore o Plan Estratéxico de Servizos Sociais previsto na normativa autonómica, co obxectivo de fixar prioridades, coordinar recursos e adaptar o sistema ás necesidades actuais da cidadanía.
O PSdeG considera que a ausencia deste documento evidencia unha política social baseada na improvisación, nun contexto marcado polo envellecemento da poboación, o aumento da dependencia e a crecente presión sobre os concellos.
Os socialistas tamén reclaman máis transparencia sobre os recursos económicos destinados á dependencia e piden que a Xunta detalle as achegas realizadas por cada administración entre os anos 2012 e 2025.
A moción inclúe ademais a demanda de reforzar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, simplificar os trámites administrativos que asumen os concellos, mellorar as condicións laborais das profesionais do sector e planificar novas prazas residenciais para reducir as listas de espera.