Os socialistas reclaman no Parlamento axudas para paliar os danos da praga de roedores
A secretaria provincial Socialista e deputada autonómica, Patricia Otero avanzou que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama ao Goberno de Feijoo “establecer, antes de que remate este ano, convocatorias de axudas económicas para paliar os danos producidos pola praga de roedores localizada na montaña lucense”.
Nesta moción tamén demanda “poñer en marcha un plan de investigación científica a través dun convenio, no prazo dun mes, coa universidade e/ou centros de investigación, que colaboren no desenvolvemento de medidas axeitadas, para controlar e erradicar a praga de roedores localizada na montaña lucense”.
Así as cousas Otero relata que “hai meses gandeiras e agricultoras da provincia de Lugo deron a voz de alarma alertando da proliferación de roedores nas zonas de Triacastela, Pedrafita, Samos, Cervantes, Folgoso do Caurel, As Nogais e Samos.Unha praga de roedores que xa está a ocasionar serios problemas ás ganderías localizadas en distintas comarcas da montaña lucense”.
A secretaria provincial sinala “que se trata dunha especie de rata-toupa con unha bioloxía explosiva, con ciclos repetitivos de alta intensidade reprodutiva, e que ten unha especial adaptación aos hábitat de pradería. Roedores que provocan serios danos nas plantacións ao remover a terra, nos prados, e que tamén, indirectamente, fan unha chamada ao xabaril, cando estes se achegan a comelos tras seguir o seu rastro. Provocando que os danos iniciais se multipliquen”.
Patricia Otero advirte que “estamos ante un problema medioambiental que está a ocasionar perdas no campo, perdas económicas polos danos que produce, e, incluso, pode causar un problema sanitario posto que os roedores son unha fonte de transmisión de enfermidades”.
Un asunto preocupante para os gandeiros e agricultores da zona, por todas as circunstancias xa expostas, e que poden seguir agravándose xa que cada día hai máis hectáreas afectadas por esta praga. Algunhas fontes xa falan de máis de 2.500. Todo isto ocasiona que segundo vai avanzando a praga, os gandeiros e agricultores dispoñen de menos superficie idónea para pradería. E, o efecto de dispoñer de menos hectáreas para a pradería pode ocasionarlles outras consecuencias como é a posible redución das axudas da PAC.
Denuncian que “ a día de hoxe a Xunta non realizou ningún plan de seguimento e tampouco se realizou ningún plan de prevención. A comezos da primavera deste ano o problema agravouse e os gandeiros e agricultores trasladaron a problemática á Administración autonómica a través dun encontro co servizo da Xefatura Territorial de Lugo (Consellería de Medio Ambiente). No dito encontro, a Administración recoñece o problema, e informa aos afectados que se teñen que tomar medidas de xeito inmediato para tratar de frear a praga de roedores”.
E replica que “o Goberno de Feijoo, malia ter recoñecido o problema no mes de abril, non ofrece ningunha resposta ata novembro cando este asunto salta aos medios de comunicación”.