Os socialistas reclaman no Parlamento solucionar as deficiencias do Ceip de Cervo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A secretaria provincial socialista e deputada autonómica, Patricia Otero avanzou que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama á Xunta solucionar as deficiencias do Ceip de Cervo antes de que remate o ano.
20 Nov 2019

A secretaria provincial socialista e deputada autonómica, Patricia Otero avanzou que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama á Xunta solucionar as deficiencias do Ceip de Cervo antes de que remate o ano. Ademais demanda explicacións ao Goberno de Feijoo sobre si considera que nas circunstancias actuais se poden desenvolver con normalidade as actividades lectivas no centro.

Así as cousas, Otero relata na proposición rexistrada, que “as obras de rehabilitación do Ceip de Cervo que comezaron a mediados de xullo deste ano a día de hoxe non están rematadas, a pesar de que a propia Xunta de Galicia se comprometeu a que aproveitaría as vacacións escolares para facelas e así non interferir no inicio e desenvolvemento do curso escolar”.

Nesa liña denuncia “unha auténtica falla de planificación por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional impediu que as obras de rehabilitación do centro se rematasen a tempo e provocou que as familias de Cervo decidisen non enviar,  durante varios días, os seus fillos ás aulas, por entender que o centro non se atopaba nas condicións idóneas para iniciar o curso, xa que as obras non estaban rematadas e existían estadas e operarios traballando nelas”.

Advirte que “a día de hoxe estas obras seguen sen estar rematadas e os pais e nais do alumnado do Ceip de Cervo non coñecen tampouco a data na que finalizarán estas obras de rehabilitación”.

Ademais lembrou que a Anpa do Ceip de Cervo denunciou as deficiencias que se dan no centro, e que entre outras son: algunhas das ventás, recentemente instaladas pero non rematadas, filtran a auga cando chove. Hai goteiras en vestiarios e aseos. Existen filtracións nas paredes. A nova caldeira de pellets,  que substitúe a antiga de gasóleo, non funciona. Agora está funcionando a vella caldeira de gasóleo. Trátase dun parche, xa que despois de realizar un importante investimento a prol do aforro enerxético, que non se poda empregar a nova caldeira amosa unha nefasta planificación por parte do Goberno galego.

0.13584995269775