Os Special Olympics Galicia celebraranse este sábado na Casa do Deporte lucense
Presentouse no Concello de Lugo os XXV Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual.
Esta competición, que contará con preto de 75 deportistas, pertencentes a 7 asociacións de toda Galicia, dos que preto do 75% serán da provincia de Lugo. Os xogos celebraranse este sábado, 13 de novembro, no Polideportivo Municipal Casa do Deporte. A inauguración da proba terá lugar ás 11:15 horas, estando prevista a súa clausura para as 20:00 horas nas mesmas instalacións.
Sete asociacións de diferentes cidades galegas estarán representadas nesta 25ª edición, entre elas a anfitrioa de Aspnais, que participa con 11 atletas nas probas individuais. O colectivo Prodeme de Monforte conta co maior número de deportistas, 15 en total, mentres que San Vicente de Lugo, competirá con 12, Aspanane de Viveiro, traerá a 8 deportistas, San Francisco de Vigo participará con 9 e Asfaval e Aspanas de O Barco e Ourense participàrán con 5 e 12 deportistas respectivamente.
Ao acto tamén asistiron o Deputado Provincial, Pablo Rivera; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; un membro da xunta directiva de Aspnais, Ovidio Barreiro así como o deportista de Aspnais, Miguel Vázquez.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou no acto a colaboración da Deputación de Lugo neste evento, que “é todo un exemplo de inclusión e conecta coa nosa firme aposta polas políticas sociais”. Así mesmo, destacou que son as “administracións xunto coa sociedade debemos traballar por botar abaixo barreiras físicas, psicolóxicas e sociais”. Desde a institución provincial colabórase con este evento para concienciar da importancia do deporte como unha práctica vital para fomentar a inclusión a través da visibilización, pero tamén para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
Pola súa banda, Ovidio Barreiro agradeceu “tanto ao Concello como á Deputación a colaboración permanente a este tipo de iniciativas tendentes á impulsar a convivencia e superación de todos e todas estas atletas”.
Eladio Fernández, animou a que “participen todas aquelas persoas con discapacidade intelectual que queiran e demostrar á sociedade que poden facer diferentes actividades contando co apoio necesario”.
Miguel Vázquez, deportista que participou en edicións pasadas de diferentes disciplinas, e que participará no encontro, apuntaba que tiña moitas ganas de reunirse cos compañeiros de outras asociacións.
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
É unha Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballan para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado.
O obxectivo é fomentar as capacidades persoais de cada participante, potenciando características como a iniciativa, o liderado, a cooperación, o valor e o autodominio, o que se traduce nunha mellora da confianza e amor propio da persoas con discapacidade intelectual.