Os traballos técnicos previos para rexenerar o barrio da Milagrosa e Feijóo comezarán en xaneiro

LugoXa
Os traballos técnicos previos para rexenerar o barrio da Milagrosa e Feijóo comezarán en xaneiro segundo informou a alcaldesa
praza milagrosa lugo
4 Dec 2022

O vindeiro mes de xaneiro comezarán as visitas porta a porta do traballo técnico que recollerá o diagnóstico e as propostas de rexeneración urbanística do barrio da A Milagrosa e do barrio Feijóo, “que suporá un antes e un despois para esta área, a máis populosa da cidade, tanto na rehabilitación das vivendas particulares como da nova configuración e recuperación dos espazos públicos” segundo a alcaldesa.

A rexedora que mantivo unha xuntaza cos veciños da Milagrosa e estivo acompañada por un responsable da empresa GAU, lembrou que “o obxectivo é rematar coa degradación urbanística e social que sofre esta zona e mellorar a calidade de vida da cidadanía a través de solucións que melloren o ámbito público, e tamén as vivendas e edificacións desde un punto de vista da eficiencia enerxética e da confortabilidade e que axuden a dinamizar esta parte da capital”.

Cos traballos que se iniciarán tras as festas de Nadal, o Concello de Lugo quere declarar este espazo como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP), “a nova denominación do que antes se coñecía como Arru ou Ari”, puntualizou Méndez, “que é o trámite previo para poder concorrer ás axudas que se habilitan ao abeiro dos Fondos Next Generation e que temos vontade de solicitar para propiciar a rexeneración destas contornas”.

Neste senso, lembrou que o Concello leva tempo traballando neste compromiso político, pero houbo que agardar á entrada en vigor dos últimos cambios normativos que rexen o procedemento para participar no programa de axudas do Plan de Recuperación”.

Méndez comprometeuse coa veciñanza da Milagrosa en realizar un seguimento persoal desta estratexia que “xa iniciamos no mandato pasado coa recuperación de xardíns e prazas na Milagrosa, melloras dos espazos públicos, apertura de prazas gratuítas de aparcadoiros disuasorios, a creación de rúas e áreas peonís ou a apertura de novos equipamentos municipais como o centro interxeracional Paco Martín”, dixo, “pero coa que agora damos un paso máis alá para a rexeneración integral dun barrio que experimentou un deterioro progresivo estreitamente relacionado co crecemento construtivo e comercial que rexistrou a zona sur da cidade polo que, chega o momento de acelerar a reversión desta situación”.

Colectores de lixo

A alcaldesa de Lugo, nesta reunión coa cidadanía da Milagrosa, na que estivo presente a Federación veciñal, avanzou así mesmo que este mes comezarán a cambiarse a totalidade dos colectores de lixo no barrio que, ademais, ampliarán o seu número, “e coa chegada de nova maquinaria do novo servizo concesionario se iniciará unha limpeza en profundidade en todas as rúas”.

A preguntas dos asistentes, a rexedora tamén foi dando respostas sobre as accións de dinamización do comercio, como o inicio da campaña Nadalmente Lucense por barrios, “que na Milagrosa inclúe, ademais da instalación de máis elementos navideños, que sempre converten a zona en máis atractiva, actividades de animación das compras de proximidade, formación en escaparatismo e envoltorio de regalos, alén da posibilidade de que os comerciantes desta zona poidan amosar os seus produtos no primeiro gran Mercado de Nadal municipal que abrimos na Praza Maior e que potenciará a súa visibilidade”.

Seguridade

Sobre a seguridade, Méndez lembrou que recentemente mantivo unha reunión coa subdelegada de Goberno e os máximos responsables da Policía Local e Nacional para incrementar a presenza das forzas de seguridade e pediu aos propietarios das vivendas que se ocupan de xeito ilegal que o denuncien xudicialmente, “porque senón non se pon en marcha a maquinaria legal para expulsalos”.

A rexedora insistiu en que para acabar este problema “todas as administracións, Concello, Xunta e Estado deben actuar conxuntamente porque os Gobernos locais non temos as competencias nin en seguridade nin en menores nin en vivenda, e quen diga o contrario só minte á cidadanía e non axuda a resolver os problemas, senón que alimenta o medo da poboación. A persoa que aspire a gobernar esta cidade debe, ante todo, actuar con responsabilidade”, dixo, e lembrou que o Concello está a axudar ás asociacións veciñais na recollida de sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular que permita desaloxar as vivendas nun prazo de 24 horas.

0.1872730255127