Os usuarios dos centros de maiores da Deputación publican unha revista

Pol
TerraChaXa | LugoXa
Os usuarios e usuarias da Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación de Lugo están celebrando esta semana o Día do Maior que se conmemora este xoves, 1 de outubro, con diferentes actividades e iniciativas.
280820 Xunta de Goberno
1 Oct 2020

Os usuarios e usuarias da Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación de Lugo están celebrando esta semana o Día do Maior que se conmemora este xoves, 1 de outubro, con diferentes actividades e iniciativas. Unha delas é a presentación dunha nova revista elaborada por eles mesmos e con contidos propios onde relatan historias persoais e se inclúen creacións literarias e diversas actividades e obradoiros.

A revista recolle testemuños das persoas que viven nos catro centros provinciais de Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada. O Presidente, José Tomé Roca, explica a importancia de editar e presentar esta revista, “que serviu como incentivo para manter o ánimo nestes tempos difíciles para eles, nos que tivemos que volver a aplicar medidas rigorosas de seguridade para protexer a súa saúde”. “É un bo xeito de que exerciten a súa memoria, a capacidade de atención, a creatividade, propicia o traballo en grupo e o sentimento de comunidade, ademais todo o que escriben queda recollido nesta composición, o que lles permite ler e reler os textos as veces que queiran”, subliña.

Esta publicación, distribuída nos centros de maneira impresa e enviada ás familias, estrutúrase en varias seccións con proudcción literarias en forma de poesía, narrativa e contos escritos polos residentes; fotografías de diferentes momentos; recompilación de declaracións dos usuarios e usuarias con historias das súas vidas laborais, chistes; adiviñas, opinión sobre asuntos de actualidade, recomendacións e boas prácticas saudables, punto de encontro entre os usuarios dos diferentes centros que integran a Rede de Centros Públicos de Maiores da Deputación de Lugo e aniversarios.

Na revista tamén se poden ver textos escritos por persoal dos centros onde contan o que supuxo para eles empezar a traballar nos centros e como viven este tempo de pandemia. Ademais, recóllese o decálogo dos dereitos das persoas maiores e información do día a día dos centros.

O presidente tamén puxo en valor o traballo do conxunto do cadro de persoal que traballa nos centros de maiores provinciais, desempeñen o posto que desempeñan. “Os equipos que dirixen e forman parte dos centros provinciais están moi involucrados coas persoas e proba disto é esta revista que veñen de editar, que dá mostra da cantidade de horas e dedicación individualizada que dedican, xuntos cos coidados persoais”.

Programación polo Día do Maior
Os centros de maiores da Deputación programaron para este Día do Maior actividades e menús especiais para celebrar esta xornada en familia. “Facer actividades e festexar celebracións para que os residentes saian da rutina é fundamental porque teñen unha motivación específica para mellorar a súa autoestima e súa calidade de vida, e ademais axuda a aliviar o estrés e deterioro cognitivo que produce o feito de estar illado pola situación sanitaria actual e con restricións de visitas”, indica José Tomé.

No Centro de Atención a Maiores de Ribadeo os usuarios participaron nun obradoiro de manualidades para decorar as instalacións para este día. Ao longo da mañá desenvolvéronse varias actividades deportivas, entre elas, zumba adaptada e competición de bolos. Ao mediodía degustaron un xantar especial composto por aperitivos, caldo galego, cocido completo e tiramisú. Pola tarde, a festa rematou cunha sesión de karaoke e baile.

No Centro de Atención a Maiores de Trabada desenvolveron ao longo de toda a semana un obradoiro interxeracional elaborando un vídeo para os nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia do municipio. O mércores tiveron unha saída especial pola vila, tendo en conta que seguen restrinxidas as visitas e saídas. Este xoves, no Día do Maior, arrancaron a mañá cunha clase de zumba adaptada e a presentación da revista que editaron. Para xantar tiveron sopa de cocido, cocido completo e tarta primavera de Tere.

No Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada decoraron as instalacións para conmemorar este día a primeira hora da mañá. Logo, participaron nas actividades de xerontoximnasia e antes de comer participaron nunha actividade grupal chamada De onde vés sendo? No xantar degustaron pementos recheos de bacallau, croquetas e empanadillas, lacón asado con patacas e sobremesa especial. Á hora de merenda non faltou a tarta do Día do Maior antes de visionar o vídeo Por que somos importantes? A tarde rematou cun macrobingo e verbena.

No Centro de Atención a Maiores de Pol pola mañá proxectouse o documental Hay alguien ahí?, un relato sobre distintos tipos de vida de diferentes persoas maiores e como afrontan o seu día a día, e ao remate fixeron unha reflexión grupal. Ao mediodía desfrutaron dun xantar especial e pola tarde non faltaron as sorpresas e unha merenda. Ademais, os usuarios e usuarias participaron nun obradoiro artístico para realizar unha estrutura tridimensional decorativa que reflexione sobre as necesidades e dereitos das persoas maiores, e que posteriormente se pendurou do teito da sala polivalente.

Mensaxes de agarimo
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, a Deputación de Lugo proponse dar visibilidade e recoñecemento dende a sociedade ás persoas maiores da provincia de Lugo, e moi especialmente e con moito agarimo a todas as persoas que teñen a súa casa e que constrúen o seu fogar día a día nos centros de atención ás persoas maiores provinciais da Fonsagrada, Trabada, Pol e Ribadeo.

Unha das propostas que se fan é animar a todas as persoas que queiran a que lles envíen mensaxes ou contacten con elas por diferentes vías, tendo en conta que seguen coas visitas do exterior limitadas:

CAM Fonsagrada: camfonsagrada@deputacionlugo.org
CAM Pol: campol@deputacionlugo.org
CAM Ribadeo: camribadeo@deputacionlugo.org
CAM Trabada: camtrabada@deputacionlugo.org

Ademais, promoven os hastags #somosbellos #somosvellos #somosvellas #somosbellas para lanzar mensaxes de concienciación, visibilización e de respecto cos dereitos das persoas maiores.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1869330406189