Os veciños da Calzada da Ponte denuncian a falta de prazas de aparcamento no barrio tras a peonalización
A Calzada da Ponte de Lugo sufriu no último tempo unha completa renovación tras as obras de peonalización na zona. Agora meses despois desta actuación os veciños amosan as distntas problemáticas que están a sufrir como pode ser a falta de aparcamento para os seus vehículos. “Érase unha vez a Calzada da Ponte, rúa lucense na que os veciños, a poder de anos de se coñecer máis ou de se respectar alí onde se coñecían menos, se ían comunicando e relacionando sen desavinzas de interese que lamentar no cotián”, comezan así o seu comunicado.
“Érase unha vez outro poder que non se chamaba precisamente o dos anos e como tal quixo obrar en forma teórica e reforma”, continúan a expresar no seu escrito. Das obras rematadas, “ó quinto ou ó sexto día xa se derivaron desacordos, crispación e inconvenientes: auga de chuvia nos portais por defectos varios nas porcentaxes de inclinación do firme, rotura de bloques e esnaquizares literais das tapas de rexistros con moi pouco tempo de uso”, sinalan.
Aínda por riba, sancións “impostas sen tregua ós residentes, que dun día para o seguinte quedaron sen prazas de aparcamento, pasando de entendérense a sentirse directamente perseguidos sen oferta de solución nin previo aviso”. Os veciños séntense “obrigados a ocupar unhas prazas que non hai e multados: Vostede, residente, ten que aparcar na zona sinalada ós efectos, na de cor diferenciada se con lentes se mira”.
Sinalan que a zona está “invadida as máis das veces por non residentes, cuxos vehículos se supón non deben acceder á rúa, e ós que non se sanciona, e por residentes ós que tampouco se sanciona caso de non as empregar con legalidade”. Ademais, denuncian que están “perseguidos”, xa que non lles deixan “nin baixa-la compra sen que encontren á volta unha receita ou incluso séndolles a factura regalada ás tres da mañá, como quen agarda agochado nun silveiro, para maior tranquilidade dos que se renden no frío da noite non encontrando onde aparcar”. Por iso, pídenlle ás autoridades competentes que razoen, aínda que tamén queren dar o seu agradecemento a aqueles membros da Policía Local que os trataron “con profesionalidade e amabilidade”.