Os veciños da rúa Rof Codina denuncian as fochancas eternas: “É unha auténtica vergonza”
Lucía Blanco
Tres grandes fochas, que se mantiveron semanas abertas, convertéronse na tónica habitual para todos aqueles que se acheguen á rúa Rof Codina. As fochancas na vía pública parecen eternas e os veciños, que tamén denuncian varios cortes de auga sen previo aviso, xa están fartos desta situación que dificulta o tránsito tanto para condutores como para viandantes nunha zona con abundante tráfico e por onde tamén pasa o autobús.
“A rúa é unha auténtica vergonza. O seu estado é pésimo, polo asfaltado, as fochancas, a falta de beirarrúas, un paso de peóns sen pintar diante dunha gardería e dun centro de día…”, lamentan. Unha fuga rexistrada no mes de agosto obrigou aos operarios municipais a abrir unha primeira zanxa para logo facer outras dúas máis de importantes dimensións na calzada. “O día 15 houbo unha avaría na tubaxe da auga e tiveron que cavar en 3 sitios diferentes a estrada e deixáronos abertos 1 mes medio”.
Segundo aseguran, tras as protestas colectivas, tapáronos con terra pero “ao día seguinte, apareceu no mesmo cerco outra vez unha rotura, polo que volveron a abrir un deles, xusto a do paso de peóns onde a gardería”. Polo momento, a imaxe é a mesma: unha zanxa aberta, vallas instaladas na vía para sinalizar as fochas e terra que cubre a beirarrúa dun barrio onde viven moitas familias con nenos e no que se encontra unha gardería, un parque infantil e dous centros de maiores. O caos tamén é diario para os condutores que teñen que sortear as zonas precintadas e autorregular eles mesmo o paso, con especial coidado nun tramo sen beirarrúa polo que camiñar segue sendo unha tarefa case imposible.
O mal tempo acrecenta a problemática, pois coas chuvias fórmanse riadas de barro. "Así as zanxas que están tapadas terán máis desnivel aínda e será aínda máis perigoso", cren. Dende o Goberno local comunicáronlles que a obra de renovación do firme o e asfaltado de toda a rúa está adxudicada, polo que non os taparán con outro material e de forma definitiva ata que se acometan os traballos. Pero o seu calvario non remata aí. Os residentes denunciaron varios cortes de auga, así que urxen de novo ao Concello, concretamente á área socialista sobre a que depende esta actuación, apurar unha solución. “Houbo veciños que estiveron un par de días sen auga e o non avisaron do corte. Así que algúns foron ducharse a ximnasios e a comer fóra”, din.