Volven denunciar as fochancas da rúa Rof Codina: "As persoas en cadeira de rodas non poden pasar"

LugoXa
Dende Auxilia Lugo poñen o foco nas persoas con mobilidade reducida para as que é unha tarefa case imposible circular pola rúa
rof-codina-fochanca
2 Oct 2024

Lucía Blanco

Tres grandes fochas, que se mantiveron semanas abertas, seguen a ser o pesadelo para moitos veciños da rúa Rof Codina. As fochancas na vía pública parecen eternas e os residentes, que tamén denuncian varios cortes de auga sen previo aviso, xa están cansos desta situación que empeora co mal tempo, xa que coas chuvias fórmanse riadas de barro, o que dificulta o día a día tanto de condutores e viandantes nunha zona con moita actividade e por onde tamén pasa o autobús. "Isto segue sen arranxarse e seguimos non igual, senón peor porque agora chove, estase formando barro e non podemos case pasar", comenta unha veciña que lamenta o estado "pésimo" do lugar.

Unha fuga rexistrada no mes de agosto obrigou aos operarios municipais a abrir unha primeira zanxa para logo facer outras dúas máis de importantes dimensións na calzada. Tras as protestas colectivas, taparon con terra as fochas polo que actualmente mantense unha zanxa aberta, vallas instaladas na vía para sinalizar as fochancas e terra que cubre a beirarrúa "Agora está rompendo a beirarrúa por onde están os bolardos, que é por onde nos temos que meter, saíndo á estrada".

Esta acción implica un certo perigo pois trátase dun barrio onde viven moitas familias con nenos e unha zona moi transitada tanto por turismos como por camións e autobuses. "Ademais temos tamén o centro de día e a gardería. Imos a peor e isto segue sen solventarse, por exemplo no paso de peóns hai un furado no que se está acumulando auga e non vemos unha solución próxima".

Pero máis aló do caos diario para os condutores, que teñen que sortear as zonas precintadas e autorregular eles mesmo o paso con especial coidado nun tramo sen beirarrúa polo que camiñar segue sendo unha tarefa case imposible , as dificultades acrecéntase entre aquelas persoas con mobilidade reducida. "Desde Auxilia Lugo queremos poñer unha queixa para que se axilice isto, porque para as persoas que temos mobilidade reducida ou as que imos en cadeira de rodas é inviable andar por aí", lamenta Nuria Neira, delegada da entidade.

 

 

 

 

 

 

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20313405990601