Os veciños de Castelo demandan melloras na seguridade da estrada LU-530

LugoXa
Como resposta ás demandas veciñais, Arias comprometeuse a ampliar o tramo de redución de velocidade a 50 km/h
reunión-vecinos-Castelo
29 Aug 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xefe do Servizo de Estradas, Gerardo Pallares, reuníronse cunha representación das asociacións de veciños de Castelo para abordar as demandas relativas á seguridade da estrada LU-530 ao seu paso por este núcleo. Nos últimos anos, a poboación da zona aumentou significativamente, convertendo a vía nunha estrada con características máis urbanas que convencionais.

Durante o encontro, Javier Arias explicou que a LU-530 está suxeita á normativa de estradas de Galicia, que establece restricións para as vías con elevado volume de tráfico, como é o caso desta estrada, que rexistra unha intensidade media diaria de 10.300 vehículos. Esta normativa impide a instalación de elementos como bandas redutoras de velocidade ou pasos de peóns mentres se manteña este nivel de tráfico.

Como resposta ás demandas veciñais, Arias comprometeuse a ampliar o tramo de redución de velocidade a 50 km/h ata a intersección coa estrada LU-P-2927, tal e como solicitaron os veciños, beneficiando así unha parte importante do barrio. Ademais, os representantes da Xunta manifestaron a súa disposición a transferir ao Concello o tramo de estrada afectado. Esta transferencia permitiría que a administración municipal, ao tratarse dunha vía urbana, puidese executar actuacións máis adaptadas ás necesidades da comunidade local, sen as limitacións impostas pola normativa de estradas interurbanas.

Na reunión tamén se lembrou que procedementos similares xa se levaron a cabo noutras áreas, como o primeiro quilómetro da mesma LU-530, onde se construíu a rotonda de San Eufrasio, ou no caso da rede estatal, nun tramo da N-VI na contorna do río Miño. A Xunta reiterou o seu compromiso coa mellora da mobilidade e a seguridade viaria na LU-530, destacando actuacións previas como a instalación dunha marquesiña e a creación dun espazo adecuado para a manobra de autobuses, reflectindo o seu ánimo de colaboración coas comunidades locais.

 

0.17007112503052