Os veciños de Castelo denuncian a inseguridade da LU-530: “Pedimos poder cruzar sen arriscar a vida”
Lucía Blanco
A veciñanza do barrio de Castelo segue a reclamar unha maior seguridade viaria na estrada da Fonsagrada. “Hai moitísimo volume de tráfico dende que se fixo o HULA, é algo esaxerado o número de coches que pasan todos os días. Ademais de que hai moita xente maior que non dá cruzado e non se dan conta diso”, contan. O perigo que supón a actual configuración da estrada LU-530 ao seu paso por este núcleo motivou unha manifestación o venres 7 de setembro.
“Pedimos poder cruzar sen arriscar a vida, moita xente xa lle ten pánico. Eu non sei como non hai máis atropelos”. Nos últimos anos, o tránsito na zona aumentou significativamente, convertendo a vía nunha de uso habitual que rexistra unha intensidade media diaria duns 10.300 vehículos. “É algo que se ve claramente, non é que o digamos nós. Ás veces tes que esperar media hora para poder cruzar, sobre todo ás horas puntas. Se vas coller o bus ou te vas media hora antes ou o perdes”. A redución da velocidade de 70 a 50 km/h, a instalación de pasos de peóns nas paradas e a creación dunha beirarrúa segura que conecte a rúa San Eufrasio co Carqueixo encóntranse entre as peticións veciñais coas que pretenden facilitar o acceso seguro, especialmente para os maiores e con mobilidade reducida.
“Encima os coches baixan a 70 e moitas veces tampouco respectan os pasos de peóns nin diminúen a velocidade. Teñen que facer algo, darnos unha solución. Non pararemos de pelexar ata que así sexa”. Na última xuntanza coa Xunta, o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, comprometeuse a ampliar o tramo de redución de velocidade a 50 km/h ata a intersección coa estrada LU-P-2927, procedementos que xa se levaron a cabo noutras áreas, como o primeiro quilómetro da mesma LU-530, onde se construíu a rotonda de San Eufrasio, ou nun tramo da N-VI na contorna do río Miño.
Pero a súa reivindicación non é nova. “Xa fai tempo pedimos levantar pasos de peóns e dixéronnos que non porque era unha estrada xeral, pero se non é iso terán que poñer pasos elevados ou outra cousa. Non estamos pedindo nada do outro mundo”. Tamén reivindican o mal estado das marquesiñas, que son antigas. “Arranxaron o tema das paradas de autobús pero non o das marquesiñas. Hai xente e tamén nenos que empezaron xa o colexio e cando chova a ver como fan e onde se meten porque imos para o inverno”.
Por outra banda, critican a falta de limpeza e mal estado do firme, que presenta numerosas fochancas, así como dalgúns camiños que dan unha imaxe de abandono do barrio. “Está o paseo que vai para o Rato intransitable totalmente abandonado e mira que baixan moitos pasear. Por outro camiño que se encontra ao lado do lavadoiro e que fixeran para ir cara a estrada xeral, tampouco das pasado e cando empece a chover vai a ser aínda peor”. Os veciños tamén amosan o seu malestar pola falta de contedores para reciclar. “Queren que reciclemos pero eu non podo ir coas botellas ata Carrero Blanco. Terán que poñelos para que a xente poida separar os residuos”.