Os veciños de Gomeán organizaron unha xornada de convivencia veciñal con visita ao MUVICLA de Láncara

LugoXa | SarriaXa
A actividade partiu do Campo da Feira de Gomeán e reuniu participantes arredor do patrimonio agrario e da divulgación cultural
veciños-de-Gomeán-en-Muvicla
1 Jun 2026

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria de Láncara (MUVICLA) participou nunha xornada de convivencia veciñal impulsada polos veciños de Gomeán, na que se realizou un percorrido desde o Campo da Feira de Gomeán ata as instalacións do museo, onde as persoas asistentes puideron gozar dunha visita guiada de arredor de dúas horas.

Desde a entidade destacan que, aínda que o museo conta con proxección global, valoran especialmente as visitas da veciñanza e das asociacións da contorna, que contribúen a manter viva a relación co territorio.

Desde o museo tamén se puxo en valor o traballo de divulgación e promoción da cultura e das producións locais realizado pola asociación “Os Salgueiriños” de Gomeán, no concello do Corgo, á que agradeceron a súa implicación e colaboración. Así mesmo, expresaron o seu agradecemento pola visita e pola actividade compartida durante a xornada.

Durante o percorrido tamén se fixo referencia ao carro no que se tomou a fotografía do grupo, construído por Ernestino Marey, da casa de Peloño de Franqueán, na década dos anos 40 do século pasado, e posteriormente restaurado polo carpinteiro e artesán de Santalla do Alto, Antonio Jacob. No vehículo consérvase a súa matrícula orixinal, tal e como se pode apreciar na imaxe.

0.11052489280701