Os veciños de San Roque piden unha residencia pública na antiga sede de Aspnais

LugoXa
Unhas das principais razóns desta demanda é “a gran proliferación de residencias privadas e a falta de prazas públicas a prezos alcanzables"
antigo-edificio-aspnais
20 Ago 2024

A Asociación de Veciños Roque-Santo pide unha residencia pública na antiga sede de Aspnais. O colectivo, pertencente á Federación provincial de Asociacións Veciñais Lucus Augusti de Lugo, debateu, en asemblea de socios celebrada recentemente, sobre o espazo da antiga sede de Aspnais, “totalmente abandonado pola Xunta de Galicia desde hai anos”.

Desde a asociación acordaron realizar unha petición á Xunta con relación a este espazo situado na rampla de Claudio López, no barrio de San Roque e que na actualidade “atópase baleiro, sen uso e totalmente abandonada, para que se dedique a unha residencia, debido á gran necesidade que ten a cidade de Lugo de novas prazas públicas para maiores”.

Fai máis de catro anos que Aspnais iniciou o seu traslado da antiga sede ao Hospital de San José. “A Xunta de Galicia era coñecedora desde fai case cinco anos deste traslado, e en todo este tempo non fixo absolutamente nada para darlle unha utilidade a estas instalacións”. O colectivo sinala que poderían acoller importantes dotacións para o barrio, “pero consideramos prioritario que se destinen a unha residencia pública”.

Unhas das principais razóns desta demanda é “a gran proliferación de residencias privadas e a falta de prazas públicas a prezos alcanzables, as longas esperas na concesión dunha praza pública que se alonga preto dos dous anos e que en Lugo levamos moitos anos sen abrir novas residencias públicas para maiores”. Por todo isto, solicitan que se traballe nelas cantos antes “ para que non se deterioren por falta de uso, actos vandálicos ou ocupacións ilegais, polo abandono por parte da Xunta de Galicia, e en beneficio do noso barrio de San Roque”.

0.13662195205688