Os veciños do rural de Lugo constitúense como plataforma para opoñerse á suba de impostos
Como consecuencia da anunciada subida de impostos e taxas municipais en Lugo e ante a confirmación de que a suba afecta decisivamente á zona rural, que aseguran non ten nin de lonxe os mesmos servizos que o casco urbano, un grupo de veciños decidiron constituírse coma plataforma veciñal para reclamar máis servizos e menos impostos. "O rural do concello de Lugo leva anos a sufrir o abandono de quen ten a responsabilidade de atender ás necesidades dos veciños que habitan nas parroquias rurais", din.
A plataforma Non á subida de impostos lamenta que no rural non teñen fibra óptica nin cobertura, nin transporte urbano e tampouco hai saneamento ou auga corrente. Ademais, denuncian pistas abandonadas dende fai anos, a falta de roza seguindo un calendario obxectivo e racional e están a sufrir a situación do servizo de urbanismo municipal, "con retrasos de máis de dous anos de media en acadar unha licenza para poder construír ou ampliar casas, alpendres, peches ou naves". A pesar desta situación que "marca unha enorme desigualdade entre os lucenses do rural e os lucenses do casco urbano", tiveron noticia da aprobación dunha suba brutal dos impostos e taxas municipais, "que afecta decisivamente aos nosos intereses, sen ter ningunha información de que veña compensado cunha mellora significativa dos servizos enumerados anteriormente, que son totalmente insuficientes".
Pola necesidades de construír un rural con servizos, para poder ter un rural con futuro, pola imprescindible necesidades de mellorar e manter as infraestruturas existentes e porque están totalmente en contra de que o rural sufra unha subida masiva dos impostos e taxas municipais a pesar das carencias nos servizos básicos que ten que prestar o concello, deciden formar unha plataforma veciñal para denunciar esta situación.