Visitantes de Madrid, Andalucía e Cantabria: así foi o turismo esta Semana Santa en Lugo

LugoXa

As salas museísticas continúan a ser un gran atractivo.

2 abr 2024

As salas museísticas continúan a ser un gran atractivo. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistran números similares ao 2023, a Casa dos Mosaicos acolleu 1473 visitas, converténdose na máis visitada xunto co Vello Cárcere

O número de turistas que se achegaron a Lugo esta Semana Santa demostran que a cidade xa está consolidada “como un destino estratéxico á hora de visitar Galicia”. Así o afirma a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, que presentou os datos de turismo destes días. Ferreiro afirmou que seguirán traballando “para continuar a mellorar os datos e garantir a mellor atención ás persoas que nos visiten".

A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu en total a 1622 turistas durante a semana santa, destacando as procedentes do resto de Galicia e das principais zonas do estado, entre as que destacan Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Europa e América son os lugares dos que proceden maior número de turistas no eido internacional

As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron números similares ao ano 2023, a casa dos Mosaicos acolleu 1473 visitas, converténdose na salas museística máis visitadas xunto co Vello Cárcere, con 1291 persoas. O MIHL pechou a xornada con 1220 visitantes.

Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galicia, ademais de Madrid, Andalucía e Cantabria. Suecia, Bélxica e Finlandia foron os países europeos con máis visitantes rexistrados durante esta semana santa.