Os Xílgaros de Lugo celebran a XI Foliada Magosto con música, baile e castañas gratuítas

LugoXa
A cita terá lugar o sábado 14 de novembro, a partir das 19:00 horas, na Taberna do Pazo, coa participación de oito asociacións e grupos tradicionais e unha foliada aberta ao remate das actuacións
Os-Xilgaros-de-Lugo
5 Nov 2026

A Asociación Cultural e Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo, presidida e dirixida por Óscar Pérez, organiza un ano máis a Foliada Magosto, que alcanza a súa undécima edición. O encontro celebrarase o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 19:00 horas, na cafetería-restaurante A Taberna do Pazo, situada na avenida dos Deportes, xunto ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

A xornada reunirá oito agrupacións e asociacións culturais de Lugo e doutras comarcas galegas: A.C. Deiquí, Nubeiro/Son Galego, Os Tarabelos do Saviñao, O Trespés, Son de Cores, A.C. Río Miño, Os do 21 e os propios Xílgaros de Lugo, organizadores do evento.

A proposta combina música, baile, canto e tradición nunha celebración do magosto na que haberá castañas gratuítas para o público asistente ata esgotar existencias, ademais de sorteos de premios. Unha vez rematadas as actuacións programadas, comezará unha foliada aberta na que poderán participar tanto os músicos dos grupos como o resto de asistentes.

Desde a organización destacan que o encontro tamén pretende achegar a música tradicional ás persoas que están empezando a tocar ou que teñen interese en incorporarse á asociación, ofrecendo unha oportunidade para coñecer xente e integrarse no mundo do folclore galego. Os Xílgaros convidan así a toda a cidadanía a participar na festa, tocar, bailar e compartir unha tarde de tradición.

0.16254210472107