Os xogadores cadetes de fútbol gaélico de Friol, rematan campións da cita europea en Maastricht

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
O conxunto masculino do Lugh GAA e o feminino da Estrela Supernova acadaron a vitoria no torneo de base por excelencia
Lugh-e-Estrela-Supernova-campions-do-torneo-Feile-2026-de-futbol-gaelico-cadete
6 May 2026

Lugh e Estrela Supernova convertéronse en novos campións do campionato sub-15 de clubs, o torneo por excelencia da base do fútbol gaélico europeo. Este título convérteos en campións de Europa desta modalidade na categoría cadete.

Na cita, disputada en Maastricht, participaron 15 clubs, 8 masculinos e 7 femininos achegados de diferentes países. O conxunto do Lugh conformouse por integrantes principalmente de Friol, con algún xogador das escolas de Vigo e Boqueixón, mentres que o Estrela Supernova levou dous rapazas de Friol, sendo a maioría do conxunto do Pino. Ambos clubs demostraron que cando Galicia xunta o seu talento, acada grandes logros. Este triunfo da conta tamén do bo facer realizado nas Gaélico Escolas PuntoGal nestes anos e do futuro que ten esta disciplina en terras galegas.

O coordinador xeral das Gaélico Escolas e adestrador do Lugh, Alexandre Sanmartín, destacou tras o torneo que “estamos a levar o nome de Galicia por toda Europa. Sobre todo estamos demostrando que aquí se están a facer proxectos deportivos desde a base e de primeiro nivel”.

Este campionato europeo disputouse en dous grupos, un masculino e un feminino. En categoría masculina estivo conformada por 2 grupos de 4 equipos, onde os 2 primeiros avanzaron a semifinais. Na categoría feminina o formato foi a grupo único de 7 equipos no que cada equipo xogaba contra 3.

Alexandre Sanmartín, coordinador xeral das Gaélico Escolas PuntoGal amosaba a súa ledicia logo deste grande éxito. “O proxecto de Gaélico Escolas é unha mostra que cando se traballa ben desde a base, con formación e valores, os resultados chegan. Este dobre triunfo é unha mostra diso, así como a confirmación de que o modelo implantando funciona e que da resultados”.

“Ademais me gustaría destacar a vitoria do Estrela Supernova que demostra a importancia da igualdade e de ir creando referentes femininos. Somos un proxecto que traballa con perspectiva de xénero e onde se valora a todo o mundo por igual. Por todo iso, traballos pola consolidación do fútbol gaélico feminino, onde estamos creando referentes para o futuro”, recalcou.

Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) faise un especial agradecemento ás familias e centros escolares dos deportistas participantes a súa boa disposición para que puidesen participar. Así como ao patrocinio de PuntoGal e ás Gaélico Escolas, un dos piares da base do gaélico galego nos últimos anos. Tamén cómpre citar a Contravento que é outro dos patrocinadores.

0.14819312095642