Óscar Domínguez completa 24 horas correndo pola Muralla de Lugo para apoiar ás persoas con autismo

O atleta Óscar Domínguez converteuse no gran protagonista da fin de semana en Lugo ao completar o desafío solidario de correr durante 24 horas consecutivas pola Muralla romana co obxectivo de dar visibilidade ao autismo e recadar fondos para as asociacións Raiolas Lugo e Capaces Lugo.
Ao longo da xornada, o deportista conseguiu completar un total de 58 voltas ao monumento baixo o lema “24 horas polo autismo”, unha iniciativa que reuniu a numerosas persoas para apoiar a causa e sensibilizar á sociedade sobre a realidade das persoas con trastorno do espectro autista.
Os fondos recadados durante o evento destinaranse a impulsar distintos proxectos desenvolvidos polas dúas entidades beneficiarias. No caso de Capaces Lugo, a recadación contribuirá ao desenvolvemento dun proxecto de vivenda orientado a fomentar a autonomía das persoas con autismo e a ofrecerlles oportunidades para unha vida máis independente. Pola súa banda, Raiolas Lugo empregará os recursos obtidos para reforzar os seus programas de emprego con apoio, favorecendo a inclusión laboral das persoas con autismo.
A clausura da iniciativa contou coa participación do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, quen quixo mostrar o seu respaldo ao labor que realizan ambas asociacións. Durante a súa intervención, destacou a importancia do compromiso do tecido social no acompañamento e asesoramento ás persoas con autismo e ás súas familias.
Parrado subliñou que entidades como Raiolas e Capaces constitúen un piar fundamental no traballo que desenvolve a Xunta de Galicia para mellorar a calidade de vida das persoas que máis apoio precisan, ao tempo que agradeceu a súa dedicación e implicación diaria.