Óscar Rodríguez de Vivero, campión do mundo de oratoria en español, foi recibido no Concello de Lugo

Óscar Rodríguez de Vivero, recentemente proclamado campión do Mundo de Oratoria en Español 2026, foi recibido pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, no Concello, nun encontro no que a rexedora o felicitou polo recoñecemento internacional e coñeceu a súa traxectoria e os proxectos nos que está a traballar.
Rodríguez de Vivero acadou o título no VI Campionato do Mundo de Oratoria, celebrado en Cali (Colombia), no que participaron máis de 400 persoas procedentes de universidades de 22 países. Este éxito súmase ao subcampionato mundial conseguido en Bos Aires en 2024 e ao recoñecemento como mellor orador de España na Liga Española de Debate Universitario (LEDU) ese mesmo ano.
Durante a recepción, Candia salientou a satisfacción que supón que un mozo lucense acade un recoñecemento destas características e puxo en valor o seu compromiso coa formación das novas xeracións e coa cidade. "É importante contar con persoas que, ademais de desenvolver a súa propia traxectoria, dedican tempo e esforzo a compartir os seus coñecementos", sinalou.
A actividade profesional de Rodríguez de Vivero céntrase na formación en oratoria e comunicación executiva, así como no debate e na argumentación. Ao longo da súa carreira participou en numerosos torneos nacionais e desenvolveu actividades formativas en centros educativos e universidades.
Ademais, preside a Asociación Más Debate, con sede en Lugo, desde a que promove o pensamento crítico, a oratoria e a capacidade de argumentación entre a mocidade.