Ourense e Lugo recuperarán en decembro a conexión ferroviaria

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Lugo volverá a ter conexión directa con Madrid unha vez rematen os traballos entre Ourense e Monforte
estacion-tren-lugo
Estación de tren de Lugo
19 Nov 2024

Renfe recuperará a partir do 17 de decembro o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos por estrada, unha vez que Adif rematou as obras de renovación da infraestrutura entre Ourense e Monforte. Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo para facilitar a mobilidade dos viaxeiros, mentres o persoal de condución se habilita para poder circular por esta vía renovada, tal e como esixe o regulamento de seguridade.

A compañía vai restablecer os diferentes servizos sen transbordos neste tramo de forma progresiva, atendendo á necesaria habilitación do persoal de condución, que a pasada semana comezou a formación para habilitarse e poder circular pola infraestrutura renovada.

O 25 de novembro os trens Alvia transversais Barcelona–A Coruña recuperarán o servizo habitual sen transbordos. E desde o 15 de decembro volverán a circular sen plan alternativo por estrada os Media Distancia A Coruña-Ourense, Vigo-Ourense-Ponferrada, Ourense-Ponferrada e Ourense-Lugo. O día 17 fará o propio o Alvia Lugo-Madrid.

Tras estas modificacións do servizo, Renfe abre a venda de billetes en todos os seus canais para viaxar no corredor Galicia-Madrid máis aló do 15 de decembro e ata o 23 de xaneiro de 2025. Coa nova ampliación da oferta de billetes, Renfe facilita aos clientes programar as viaxes previstas para o período de Nadal.

0.20334815979004