Outeiro de Rei abre a inscrición para participar no Mercado de Nadal do 12 de decembro

O Concello de Outeiro de Rei abriu o prazo de inscrición para participar no Mercado de Nadal 2026, que se celebrará o vindeiro 12 de decembro no pavillón do colexio público Laverde Ruíz, en horario de 12:00 a 19:30 horas.
A iniciativa busca reunir diferentes propostas comerciais e artesanais propias destas datas, con postos de venda de produtos de decoración, bixutería, alimentación, artesanía, agasallos, complementos e artigos de segunda man, entre outros.
A participación no mercado será gratuíta, aínda que as persoas interesadas en instalar un posto deberán formalizar previamente a súa inscrición. As solicitudes poderán presentarse de maneira presencial nas oficinas municipais do Concello, de luns a venres, entre as 9:00 e as 15:00 horas, ou enviarse por correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeouteiroderei.org, achegando toda a documentación requirida.
O prazo para anotarse permanecerá aberto desde o 5 de novembro ata o 2 de decembro de 2026. As bases da convocatoria e a folla de inscrición están dispoñibles na páxina web municipal, www.outeiroderei.gal.