Outeiro de Rei celebrará este xoves unha andaina solidaria sobre doazón de médula e sangue

LugoXa | TerraChaXa
Iniciarase ás 12.00 horas diante do Concello e percorreranse 5 quilómetros pero previamente haberá un taller no colexio e farase unha declaración
presentacion-andaina-solidaria-outeiro-de-rei
16 Jun 2026

O Concello de Outeiro de Rei acolleu o acto de presentación da Andaina Solidaria Doa Medula e Sangue, unha iniciativa que terá lugar este xoves, 18 de xuño, e que busca promover a doazón e a concienciación social entre a cidadanía.

No acto participaron o presidente da Asociación Contra o Cancro, José Manuel Rozas Bello; a tenente de alcalde de Outeiro de Rei, Begoña Seco; o alcalde, José Pardo Lombao; e a xefa de estudos do CEIP Laverde Ruiz, María Regueiro.

Durante a presentación destacouse o carácter solidario desta andaina, que pretende implicar á veciñanza e ao tecido educativo e social nunha acción conxunta a favor da doazón de medula ósea e sangue, contribuíndo así a salvar vidas e a fomentar valores de solidariedade e compromiso comunitario.

A Andaina Solidaria Doa Medula e Sangue celebrarase este xoves, 18 de xuño, no concello de Outeiro de Rei, e está aberta á participación de toda a veciñanza. A andaina iniciarase ás 12.00 horas diante do Concello e percorreranse 5 quilómetros.

Previamente, ás 10.00 haberá un taller de doazón de médula a cargo da xefa de servizo de Hematoloxía do HULA, Esperanza Lavilla, cos nenos de 4º, 5º, e 6º curso do CEIP Laverde Ruíz.

Ás 11.30 haberá unha declaración do Goberno municipal diante do Concello polo Día da Doazón de Médula e Sangue. Todo o recadado na venda de camisetas será a beneficio da Asociación Española contra o cancro.

0.13340997695923