Outeiro de Rei e o Club Fluvial de Lugo asinan un convenio con vantaxes para as persoas empadroadas

LugoXa | TerraChaXa
O acordo inclúe descontos nas cotas de entrada, prezos especiais nos cursos de natación e a organización de novas actividades deportivas no centro de Mosteiro
convenio-club-fluvial-outeiro-de-rei
3 Oct 2026

O Concello de Outeiro de Rei e o Club Fluvial de Lugo asinaron un convenio de colaboración destinado a ofrecer vantaxes ás persoas empadroadas no municipio que desexen facerse socias da entidade deportiva, así como facilitar o acceso a cursos de natación e a diferentes actividades organizadas polo propio Concello nas instalacións do Club Fluvial en Mosteiro.

Unha das principais medidas contempladas no acordo é un desconto do 25% na cota de entrada para as persoas empadroadas en Outeiro de Rei que se dean de alta como socias do Club Fluvial Lugo. Para beneficiarse desta vantaxe será necesario acreditar o empadroamento no municipio.

O convenio tamén establece condicións especiais para os cursos de natación destinados ás persoas empadroadas que non sexan socias do club. No caso dos menores de ata 16 anos, o prezo será de 25 euros ao mes por un día á semana e de 45 euros ao mes por dous días á semana. Para as persoas adultas, as tarifas serán de 30 euros ao mes por un día á semana e de 60 euros por dous días á semana.

As prazas para estes cursos poderán reservarse a partir do luns nas oficinas do Club Fluvial en Mosteiro, segundo a dispoñibilidade de horarios.

Por outra banda, o Concello de Outeiro de Rei acordou co Club Fluvial a realización de cursos de distintas modalidades deportivas no centro deportivo de Mosteiro, dirixidos ás persoas empadroadas no municipio e con prezos económicos. A información sobre estas actividades, así como os prazos de inscrición, horarios, tarifas e condicións, será publicada nos próximos días tanto na páxina web municipal como nas redes sociais do Concello.

O convenio terá unha duración dun ano desde a súa sinatura e prorrogarase automaticamente por períodos anuais.

As persoas interesadas en obter máis información sobre as condicións do acordo e os cursos organizados polo Concello poden acudir á Casa da Cultura de Outeiro de Rei, en horario de 10:00 a 14:00 horas, ou contactar co Concello no teléfono 982 393 408.

0.15766978263855