Outeiro de Rei percorre Taboi nunha andaina contra a violencia de xénero polo 25N

LugoXa | TerraChaXa
A actividade, de aproximadamente cinco quilómetros, reuniu a participantes nunha iniciativa de sensibilización organizada polo Concello con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
OUTEIRO DE REI andaina 25n
22 Nov 2026

Outeiro de Rei celebrou este domingo unha andaina popular contra a violencia de xénero pola parroquia de Taboi, unha iniciativa organizada polo Concello dentro da programación conmemorativa do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A actividade arrancou ás 11.00 horas desde o campo da festa de Taboi, nas proximidades da igrexa parroquial, e propuxo un percorrido de arredor de cinco quilómetros que combinou espazos naturais e elementos do patrimonio cultural da parroquia.

A andaina estivo aberta á participación da veciñanza e enmarcouse na campaña municipal deste ano, que leva por lema 'O respecto é a base de calquera relación', co obxectivo de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de previr e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres.

Ao remate do percorrido, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Martínez Vigo, realizou a lectura do manifesto institucional do Concello con motivo desta conmemoración, nun acto que puxo o foco na necesidade de implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia machista.

A iniciativa forma parte dun programa municipal máis amplo de sensibilización polo 25N, que inclúe tamén unha charla sobre prevención, detección e pautas de actuación en casos de violencia de xénero, prevista para o mércores 25 de novembro na Casa da Cultura, así como o reparto de bolsas reutilizables coa mensaxe da campaña.

A andaina permitiu trasladar a reivindicación contra a violencia machista tamén ao ámbito comunitario e rural, utilizando o deporte e a participación veciñal como ferramentas de concienciación.

0.15596699714661