Outeiro de Rei reuniu a 194 ximnastas no Torneo Terra Chá de escolas municipais

LugoXa | TerraChaXa
O Pavillón Municipal acolleu unha competición con representación de sete concellos da provincia e oito categorías en disputa
Torneo-Terra-Cha-Ximnasia-Rítmica-Outeiro-de-Rei
25 Apr 2026

O Concello de Outeiro de Rei celebrou o sábado 25 de abril unha nova edición do Torneo Terra Chá das Escolas Deportivas Municipais de Ximnasia Rítmica, unha cita que congregou no Pavillón Municipal de Deportes a un total de 194 rapazas pertencentes a sete escolas municipais da provincia de Lugo.

Na competición participaron deportistas de Outeiro de Rei, Guitiriz, Vilalba, Begonte, Rábade, Castro de Rei e Cospeito, nun encontro que serviu para poñer en valor o bo momento que atravesa esta disciplina deportiva na provincia. As ximnastas competiron en oito categorías diferentes, exhibindo un elevado nivel técnico ao longo de toda a xornada.

O torneo deu comezo ás 11:00 horas e contou cunha notable asistencia de público, que encheu as bancadas para seguir as actuacións das participantes e apoiar ás representantes de cada escola.

Na categoría biberón, o primeiro posto foi para Vilalba, seguido de Outeiro de Rei e Castro Riberas de Lea. En mini baby, a vitoria correspondeu a Guitiriz, con Begonte en segunda posición e Vilalba en terceira.

Na categoría baby impúxose Outeiro de Rei, por diante de Cospeito e Rábade, mentres que en prebenxamín o triunfo foi para Guitiriz, seguido de Vilalba. En benxamín, Outeiro de Rei logrou tamén a primeira posición, con Rábade segundo e Vilalba terceiro.

Na categoría alevín, Castro de Rei acadou o primeiro posto, seguido de Guitiriz e Castro Riberas de Lea. En preinfantil, Begonte rematou na primeira posición e Vilalba na segunda.

Por último, na categoría infantil, Cospeito subiuse ao máis alto do podio, con Vilalba en segunda posición e Guitiriz en terceira.

Co desenvolvemento desta cita deportiva, Outeiro de Rei consolidouse unha vez máis como referente provincial na promoción da ximnasia rítmica de base e no impulso do deporte escolar.

0.11695909500122