Outeiro de Rei reuniu a decenas de persoas para observar a eclipse total de Sol e as Perseidas

LugoXa | TerraChaXa
A xornada, celebrada en Casas da Fortaleza e Penas de Rodas, combinou divulgación astronómica, gastronomía local e a observación das coñecidas Bágoas de San Lourenzo
charla-eclipse-Outeiro-de-Rei
13 Aug 2026

Outeiro de Rei viviu este mércores 12 de agosto unha intensa xornada astronómica que reuniu a decenas de persoas para seguir dous dos fenómenos celestes máis destacados do ano: a eclipse total de Sol e a tradicional chuvia de estrelas das Perseidas.

A iniciativa, organizada pola Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo (GDR-4) coa colaboración do Concello de Outeiro de Rei, contou cunha ampla participación ao longo de toda a tarde e da noite, converténdose nunha cita destacada para afeccionados á astronomía e para numerosas familias.

A programación comezou ás 19.00 horas en Casas da Fortaleza, onde as persoas asistentes puideron seguir a evolución da eclipse total de Sol. Para garantir unha observación segura, o Concello repartiu de maneira gratuíta lentes homologadas que permitiron contemplar o fenómeno con todas as garantías.

Tras o momento central da eclipse, a actividade continuou cunha degustación de produtos locais en formato de petiscos, ofrecendo un espazo de convivencia no que compartir impresións sobre un acontecemento histórico que non volverá repetirse nestas condicións ata dentro de varias décadas.

Xa entrada a noite, a programación trasladouse ao ceo profundo coa observación das Perseidas. As persoas participantes volveron reunirse en Casas da Fortaleza antes de desprazarse ata o espazo natural de Penas de Rodas, considerado un dos lugares máis axeitados do municipio para contemplar o firmamento.

A observación das coñecidas como Bágoas de San Lourenzo rexistrou tamén unha notable asistencia e permitiu aos participantes desfrutar dun espectáculo natural que completou unha xornada marcada pola divulgación científica, a natureza e a convivencia.

0.138827085495