'Outro Garañón... na Muralla?', a próxima mesa redonda do Foro Camiño Primitivo

LugoXa
O Foro do Camiño Primitivo organiza para o vindeiro martes unha mesa redonda titulada 'Outro Garañón.... na Muralla?
Cartaz foro camiño primitivo
11 Xuño 2022

O Foro do Camiño Primitivo, plataforma da que forman parte asociacións culturais, sociais e ecoloxistas da provincia de Lugo, organiza para o vindeiro martes, 14 de xuño, unha mesa redonda no Auditorio do Vello Cárcere, ás 19.30 horas, baixo o título Outro Garañón... na Muralla?.

Segundo explica o Foro, esquina de San Roque co Carril das Flores é confluencia de dous Patrimonios da Humanidade, a Muralla Romana e o Camiño Primitivo; polo que "sendo un punto de especial relevancia no eido patrimonial e histórico da cidade de Lugo, rexeitamos de forma contundente a solución aprobada na Modificación do PEPRI no Quinteiro 214A, que atende a argumentos especulativos deseñados polo interese privado cun gran desprezo polo ben común e a conservación do patrimonio na cidade de Lugo", critican.

E é que, segundo di o colectivo, o Camiño Primitivo "queda relegado" ao acceso dun aparcadoiro, cunha pendente do 14% "o que vulneraría a normativa de accesibilidade, e cuxa tramitación acumula un grande número de irregularidades". Ademais, a edificabilidade proposta fronte á Muralla foi criticada, lembra a entidade, polo ICOMOS debido á súa magnitude.

Dende a plataforma consideran que o Concello ten que velar pola protección do patrimonio e debe promover alternativas contando coa participación pública, alén das fases administrativas de exposición pública, e acordes ao enclave que se pretende urbanizar.

Durante a mesa redonda darán a coñecer as irregularidades que motivaron o recurso ante o Tribunal Supremo, os informes críticos coa solución proposta emitidos polo ICOMOS e a Real Academia Galega de Belas Artes, e "tamén algunhas alternativas máis respectuosas que poderían desenvolverse no devandito quinteiro".

Na xornada intervirán Raúl Veiga Lamela, secretario da delegación de Lugo do COAG; Camino Casabella, licenciada en Belas Artes e docente, voceira do Foro do Camiño Primitivo; Xose Anxo Carreira Montes, arquitecto; Carmen Figueiras, presidenta da delegación de Lugo do COAG; e Modera Froilán Pallín Seco, secretario xeral ADEGA.

O Foro pregúntase "canto máis lle vai custar á cidadanía as decisións políticas deseñadas por intereses privados?".

0.19707107543945