Pablo José Taboada, alcalde de Palas de Rei: "Colaborando coa oposición conséguense cousas”

LugoXa
O rexedor palense, que leva no cargo 15 anos, pon en valor os proxectos desenvolvidos ata o momento, destacando os avances en materia de conciliación e infraestruturas, parte deles conseguidos grazas á colaboración entre partido de Goberno e oposición
Pablo Taboada PP Palas
25 Oct 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Cheguei ao Partido Popular cando era novo e traballaba para o Concello como policía local, a mediados do ano 2000, cando era alcalde Fernando Pensado. Nese momento ofrecéronme ir nas listas do Partido Popular. Así, estiven como concelleiro ata que, en 2011, cheguei á Alcaldía.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Os veciños son os que teñen a última palabra. Estiven de tenente de alcalde unha tempada e, despois, pensouse en min, como se podía ter pensado noutras persoas igualmente válidas. En 2011 encabecei a candidatura do Partido Popular en Palas de Rei e aquí estamos, no ano 2026-2027, cun bo balance, na miña opinión.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

É complicado porque son alcalde as 24 horas do día. En calquera momento pode xurdir un asunto municipal. Realmente, non es alcalde de 8:00 a 15:00 horas, como pode facer un funcionario. Tes que ter a cabeza sempre no Concello, porque sempre pode xurdir calquera cousa.

E beneficios?

Hai moitas satisfaccións persoais, como o feito de conseguir moitos proxectos. Tiven a sorte de que, de todos aqueles proxectos que se me foron presentando, fomos conseguindo todos ou case todos. Algúns deles, con moitísimo esforzo.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Teño dous fillos e é complicado ás veces. Eles son os máis prexudicados porque sempre xorden cousas. A verdade é que o verán é moi intenso, porque hai festas nas diferentes parroquias e aos veciños tamén lles gusta que os acompañes, e a nós encántanos acompañalos. Pero hai que ir, porque é aí onde se coñecen as verdadeiras demandas, de primeira man e na súa propia parroquia.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Eu xa fun deputado provincial, pero nunca pensei en dedicarme á política desde unha óptica do Goberno central nin desde unha perspectiva autonómica. Tiven no seu momento a oportunidade de desenvolver outras tarefas, pero nunca me decidín por iso, porque a min o que me gusta é a política local. Mentres os veciños sigan confiando en min e depositen a súa confianza na nosa xestión, intentarei seguir aí, ata que sinta que son útil. No momento en que deixe de selo, terei que volver á miña profesión ou xubilarme.

E, se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Acabamos de poñer en marcha a segunda piscina do Concello e tamén o servizo aduaneiro de Palas de Rei, o único da provincia de Lugo. Ademais, puxemos en marcha a ITV en Palas de Rei e xa contamos con todas as autorizacións. As obras desenvolveranse ao mesmo tempo que os traballos de urbanización da terceira fase do polígono, que supón outra investimento moi importante. Entre a ITV e a urbanización do polígono poden sumar preto de 5 millóns de euros de investimento no noso concello. Isto vai significar un impulso importante para a economía local, porque a ITV suporá que máis de 2.000 persoas pasen ao longo do ano por Palas de Rei para realizar as súas inspeccións periódicas, pero ao mesmo tempo poderán facer uso da hostalaría local ou dos múltiples servizos do concello.

Tamén está en marcha a segunda residencia de maiores. Conseguimos a primeira, que neste caso é unha residencia privada pero conta con prazas públicas, que é do que se trata. Agora temos un edificio e, mediante unha fórmula de xestión indirecta, a idea é acometer esas pequenas obras de arranque e realizar un primeiro acondicionamento para poñer todo en marcha e encamiñar o proxecto. A previsión é poñela en funcionamento no primeiro trimestre de 2028, o que permitiría contar con esa segunda residencia.

Rematamos a semana pasada as obras de ampliación e mellora da gardería municipal. Tamén recibimos nas últimas semanas unha axuda da Xunta de Galicia para pechar o proxecto da biblioteca municipal. Tiñamos unha biblioteca no colexio e, ao final, existía unha necesidade de contar cunha segunda biblioteca no casco urbano. Necesitabamos unha última partida económica para o seu equipamento e conseguímola a través dunha axuda da Consellería de Cultura.

Ademais, estamos acabando as obras no pavillón polideportivo do colexio, que está situado no propio centro educativo e é propiedade do Concello. Fóra do horario escolar, serve como alternativa a outro pavillón municipal.

E, por último, temos en marcha o proxecto da estrada de Palas de Rei a Friol, que é unha vía moi demandada.

Cales son as principais liñas do seu programa?

De cara a 2027, imos incorporar algunhas actuacións e proxectos nos que estamos traballando e que non puidemos sacar adiante ata o momento. Entre eles están a área de servizo da autovía e a rehabilitación completa do mosteiro de Vilar de Donas, aínda que son proxectos complicados. Por unha banda, no caso da área de servizo, considero que existe unha falta clara de vontade, porque é un proxecto que non require un investimento tan elevado. Temos todo preparado para poder contar cunha área de servizo, gasolineira e servizo 24 horas na autovía A-54 Lugo-Santiago. Por outra banda, está o proxecto de rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas. Creo que foi unha gran estafa, porque o Goberno central incluíu no Plan Xacobeo 2021 o proxecto de rehabilitación do mosteiro, pero foron pasando os meses e, ao final, ese proxecto foi excluído dunha maneira completamente arbitraria. Agora estamos traballando na elaboración dun documento e dun proxecto serio. Presentarémolo o ano que vén ao 2 % Cultural e confiamos en que, con Alberto Núñez Feijóo na Moncloa, poidamos cumprir esa promesa que outros fixaron e que, ao final, acabaron incumprindo.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

As necesidades de Palas de Rei están principalmente nas vías de comunicación. Por unha banda, está a estrada de Palas a Friol, na que a Xunta xa está traballando. Tamén está a autovía A-54 Lugo-Santiago, coa habilitación da rotonda de Remonde, que levamos dous anos esperando por ela e que non só serve para Palas de Rei, senón tamén para Melide e Agolada. E despois están as vías de comunicación da Deputación, que son unha gran necesidade porque están abandonadas. O que está facendo a Deputación é incrible. Dos sete concellos que forman parte do partido xudicial, a inversión concéntrase só nun ou dous, mentres que os demais estamos abandonados. Pedimos un reparto minimamente equitativo ou que se faga en función das necesidades que teña cada concello.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Un dos proxectos máis importantes foi adquirir o Castelo de Pambre e, posteriormente, conseguir axudas para rehabilitalo. Era algo que se levaba demandando desde había máis de 40 anos e conseguímolo na primeira lexislatura. Outro dos proxectos foi conseguir que Palas de Rei tivese unha ITV. Adquiríronse e reserváronse as parcelas, licitouse a concesión e xa conta coas autorizacións dos diferentes organismos. Moita xente de Palas de Rei axudoume a conseguir isto durante, ao mellor, 15 anos. Outra das cousas foi abrir unha residencia para persoas maiores que, aínda que é privada, conta con prazas públicas. Agora estamos traballando para abrir unha segunda residencia que poida estar en funcionamento en 2027 ou a principios de 2028. Tamén está o desenvolvemento do polígono industrial. Fomos o concello da provincia, dentro do ámbito rural, que máis proxectos industriais conseguiu nos últimos anos. Nesta lexislatura, a 2023-2027, imos acabar con máis de 50 millóns de euros investidos, o que significa case un millón de euros mensuais de investimento privado en proxectos empresariais e industriais. Tamén nos sentimos orgullosos da posta en marcha do centro de mantemento de vehículos do Estado, neste caso coa axuda e colaboración das outras forzas políticas que formaban parte daquela da corporación. É un gran exemplo de que, colaborando, ás veces se conseguen cousas. É un centro de referencia no sur da provincia de Lugo. Estou tamén moi contento de cando conseguimos a base das ambulancias para Palas de Rei, no centro de saúde de Palas, e tamén estou contento co grupo de emerxencias que conseguimos, a medias con Friol. Tamén inauguramos unha segunda piscina aquí en Palas de Rei, cunha fórmula única de colaboración público-privada.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Creo que os veciños de Palas de Rei me ven como unha persoa próxima porque o 80 % deles teñen o meu teléfono persoal. Paso o meu contacto por WhatsApp ante calquera necesidade. Eu practico unha atención continua e diaria no Concello. Estou dispoñible as 24 horas ou, en calquera momento que me atopen pola rúa, estou á disposición de todos para comentar ou intentar solucionar calquera problema que poida haber.

Como é a súa relación coa oposición?

Coa oposición, no seu momento, conseguíronse proxectos de calado, como o Centro de Mantemento de Estradas do Estado. Tivemos a sorte de ter un ministro que era do Partido Socialista e, ademais, un palense importante, José Blanco, que nos axudou a conseguir este tipo de proxectos. O importante da oposición é ir todos na mesma dirección. Eu creo que temos unha relación normal e construtiva.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

55 anos, con parella e 2 fillos

-Profesión e formación

Estudei empresariais, pero son policía local

-E, se non o fose, que lle gustaría ser?

Gandeiro

-Que quería ser de maior?

Gustábame moito o fútbol e o baloncesto

-Que fai para desconectar?

Adestro e practico deporte

-Unha virtude e un defecto

Cumpridor e tomar as cousas a peito

-Un consello para compartir

A bondade

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

Algo de Ken Follet, ‘Casablanca’, e Héroes del Silencio

-Unha afección

O deporte

-Un lugar que visitar

Palas

-Unha comida e unha bebida

A tortilla española e un Godello branco

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Fernando Martín, xogador de baloncesto, co que tiven a sorte de xogar

-Unha posesión preciada

Non hai nada especial

-Un desexo

A saúde da miña familia

-Algo para esquecer

Algunha denuncia xudicial

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A lealdade

-Un desafío pendente.

Ver a ITV pasando revisión en Palas

-Onde se ve en cinco anos?

Espero que ben de saúde

0.1951699256897