A Executiva Nacional do Partido Galego tomou a decisión de expulsar a Pablo Losada Ferreiro do Grupo Municipal na Corporación Municipal de Monterroso durante a súa reunión ordinaria o 1 de outubro. A decisión vén motivada polas reiteradas accións de Losada Ferreiro, tanto nas súas intervencións no pleno como nas votacións, que, segundo o partido, foron contrarias ás directrices establecidas pola agrupación local.
A Executiva Nacional xustifica a medida polas accións unilaterais do edil, que, segundo o escrito oficial, prexudicaron o traballo portavoz municipal Xabier Vázquez García. Losada foi acusado de actuar como se pertencese a outro grupo político, afastándose da liña marcada polo partido polo que se presentou ás as eleccións municipais de 2023.
O Partido Galego solicitou á Secretaría Municipal que tramite a desvinculación de Losada Ferreiro do Grupo Municipal do partido, de acordo co Regulamento Orgánico do Funcionamento (ROF) e coa Lei de Bases do Réxime Local (LBRL). A partir de agora, Pablo Losada Ferreiro pasará a formar parte do grupo de concelleiros non adscritos. Esta decisión, formalizada o 4 de outubro de 2024 en Santiago de Compostela, foi asinada por Xesús Ares Gómez, representante legal do Partido Galego.