Pablo Parrilla reforzará o centro do campo do CD Lugo na tempada 2026/27

O Club Deportivo Lugo anunciou a incorporación de Pablo Parrilla como novo xogador albivermello para a tempada 2026/27. O centrocampista galego, natural de Ourense, asina por unha campaña e reforzará o centro do campo do conxunto lucense.
Parrilla, nado no ano 2003, chega ao Anxo Carro despois de completar unha destacada tempada coa UD Ourense, equipo co que logrou o ascenso a Primeira Federación baixo a dirección de Borja Fernández.
Ao longo do último curso consolidouse como unha das pezas máis importantes do cadro ourensán, disputando un total de 44 partidos entre todas as competicións e contribuíndo ao éxito deportivo do equipo.
Formado nas categorías inferiores do Pabellón Ourense, o novo xogador albivermello destaca pola súa xuventude, criterio co balón e capacidade de traballo no centro do campo, características coas que buscará achegar solidez ao novo proxecto deportivo do CD Lugo.
O futbolista incorporarase de maneira inmediata á dinámica de adestramentos do primeiro equipo e xa estará ás ordes do corpo técnico para preparar o inicio da nova campaña.