Pablo Rico, director de oito coros con 24 anos: “O máis importante é saber levar á xente”

Jessica Fernández
Desde moi novo, Pablo Rico Echegaray sentiu unha atracción especial pola música. “A min sempre me gustou a música e apunteime a unha academia para tocar o piano”, explica, lembrando os primeiros pasos que o levaron ao Conservatorio Profesional de Música de Lugo - CMUS Xoán Montes, onde completou o seu grado profesional tanto en saxofón como en piano. Con todo, confesa que o canto non estaba inicialmente entre as súas paixóns: “O do canto min non me gustaba, nin foi no que me especialicei”. A súa incursión no mundo coral naceu por casualidade, cando na Igrexa de Meira precisaban a alguén que tocara o novo armonio: “Dixéronmo a min e dixen que si. Os do coro querían cantar o Himno Galego, entón pedíronme que lles ensinara, e de aí comezamos a ensaiar e fixemos un Concerto de Panxoliñas”. A partir dese momento, con só 16 anos, iniciáronse proxectos que o levaron a dirixir actualmente oito coros e estudar dirección de coro no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Para Rico Echegaray, formar parte dun coro ofrece beneficios, como o efecto sobre a voz: “O primeiro beneficio de cantar é axudar a falar, xa que imos ter control sobre voz e o diafragme e iso vai facer que non nos quedemos afónicos se falamos moito. O que ensino é a diferenciar a voz de peito e a da gorxa. Eu pásome toda a semana cantando, se utilizara a mesma técnica para cantar que para falar, o domingo estaría sen voz”. Pero o canto tamén ten un impacto social e emocional importante. “Outro beneficio é o social, xa que aquí fanse moitas amizades porque é unha actividade colectiva. Así, ademais de aprender a cantar, fas amigos e coñeces toda Galicia porque se fan intercambios con outros coros e movémonos moito”. Tamén incide no efecto positivo sobre a saúde psicolóxica: “Ao aprender a cantar, tes que aprender a respirar, a controlar o diafragma e os pulmóns e iso é importante para temas de ansiedade. Incluso nesta actividade podes controlar as túas emocións, xa que é unha forma de ‘liberarse’, de expresarse. Eu, por exemplo, cando chego aos ensaios, deixo todos os problemas fóra e unha forma de terapia”. Segundo Rico, algúns estudos mesmo destacan que participar nun coro pode actuar como medida preventiva ante situacións graves de depresión ou ideación suicida, xa que ofrece unha rede de apoio humano e comunitaria. Finalmente, subliña o papel dos coros como dinamizadores do mundo rural galego: “Os coros están presentes en case todos os concellos de Galicia e moitos deles son eminentemente rurais cunha poboación dispersa e envellecida e o coro o que fai é reunir nunha parroquia, que se converte en punto de encontro para moitos que comparten un tempo xuntos”.
A DIRECCIÓN DOS COROS
Dirixir varios coros simultaneamente require dunha gran organización e coñecer en profundidade as particularidades de cada grupo. Rico Echegaray explica que dirixe oito coros distintos: “Eu dirixo o coro de Monterroso, o de Meira, o de Abadín, o de Portomarín, tres corais en Lugo e unha na Coruña. Pero, ademais de organizarse, é importante coñecer as particularidades de cada coro, de cada grupo de persoas”. Cada coro ten unha historia e un carácter diferente: mentres Monterroso está a piques de cumprir 40 anos, Abadín leva só dous e Portomarín un ano. “Non podes usar o mesmo repertorio e non poderás cantar coas mesmas voces. Hai que traballar moito a técnica vocal para cantar de peito e así evitar danar a gorxa”, sinala, subliñando a importancia de adaptarse ao perfil vocal de cada integrante.
A experiencia de Rico tamén demostra que calquera persoa pode incorporarse a un coro, sempre que se adapte á dinámica do grupo: “Empezamos todos desde cero porque non é só cantar un, ten que haber unha sintonía coas outras voces. Se un coro xa ten un certo nivel, un repertorio aprendido, etc., a persoa que entre nova terá que adaptarse. Eu non fago probas de voz porque ao oír á xente xa sei como vai cantar. Sempre vai haber un sitio para cantar”. Así, dirixir un coro non consiste só en controlar a técnica, senón tamén en xestionar ás persoas e garantir a cohesión do grupo. “Nun curso que fixen, a primeira pregunta que nos fixeron foi que que era o máis importante dun director de coro e todos mencionamos o xesto, a elección do repertorio, etc., pero o relator deixounos claro que o 90 % do traballo de dirección dun coro era o compoñente psicolóxico: levar á xente”, afirma Rico.
O director galego lembra que, como mozo de 24 anos dirixindo coros, tivo que gañar o respecto dun ámbito tradicionalmente dominado por persoas maiores: “Parece que se non tes 80 anos, 40 de experiencia, levas gafas e vas vestido de negro, non vales para dirixir. Isto non sucede só no mundo coral, é inherente a calquera traballo, xa que hai moitos rapaces con capacidade de traballo, de liderado e sabemos desempeñar o noso traballo igual de ben, ou mellor, que xente con moitos máis anos”.
“Parece que se non tes 80 anos, 40 de experiencia, levas gafas e vas vestido de negro, non vales para dirixir"
O XOVE CORO, COMO NOVIDADE
O Xove Coro, unha iniciativa posta en marcha este ano, xurdiu coa intención de achegar á música coral á xente nova, rompendo coa idea tradicional de que os coros están formados maioritariamente por persoas maiores. “O Xove Coro nace do Coro Xuvenil de Lugo porque a xente pensa que un coro está formado por xente maior, que é a que canta nos coros, e si é certo que é a tónica xeral das corais de Galicia, xa que rapaces da miña idade que se involucran nos coros é pouco habitual, pero é algo do que tiña moitas ganas: que houbera máis xente nova”, explica Pablo Rico Echegaray.
O proxecto xorde da colaboración de amigos que tamén querían cantar e compartir un repertorio máis acorde á súa idade. “E, a partir de aí, empezounos a falar xente sobre cando nos xuntabamos e que idades comprendía, e realmente puxémolo de 16 a 30, máis ou menos, e moita xente máis nova tamén quería participar, entón agrupamos a rapaces de 6 a 12 anos que xa comezaron a ensaiar nun grupo de 6 ou 7 nenos e nenas e temos moitas ganas de que se unan moitos máis”, comenta Rico, engadindo que o proxecto tamén conta coa implicación da súa irmá, e que ambos confían no seu éxito. Para eles, o coro supón un relevo xeracional, unha alternativa á oferta de ocio habitual e unha forma de fomentar o interese pola música entre os máis novos: “Para nós, isto é importante porque é un relevo xeracional, para que a xente nova siga nas corais e, á vez, que poidan facer unha actividade distinta, que non todo é fútbol”.
Ademais, engade que os coros que dirixe están abertos a todas as idades e niveis de experiencia. “O Coro Xuvenil ensaia os venres de 20.00 a 21.30 horas na Casa da Xuventude de Lugo e quen queira, está convidado a vir. Agora estamos cantando Dancing Queen, de ABBA, así tamén aprendemos inglés. O ambiente é xenial”, explica. Tamén destaca experiencias interxeracionais, como en Monterroso e Meira, ou coros exclusivamente masculinos e mixtos, nos que a integración de novos membros sempre é posible. “Custa o primeiro día, pero se entras gústache tanto que xa non marchas”.
Finalmente, Pablo Rico subliña a importancia do apoio das administracións para garantir a continuidade dos coros e o seu traballo cultural: “A Federación ten un convenio coa Dirección Xeral de Cultura, que pon cartos para o Coro, pero non chega aos 100.000 euros, e tendo en conta que superamos os 240 coros en Galicia, o que significa que estamos na maioría de concellos, non é suficiente”. E indica que tamén debe haber apoio desde as Deputacións, como no caso de Lugo co programa Tradigalu, e dos concellos, xa que “manter os coros é un esforzo maiúsculo, así como o é todo no ámbito da música. E, para sabelo, hai que vivilo; polo que quizais as persoas que xestionan as áreas de Cultura debían estar formadas en cultura”. Rico tamén destaca a implicación dalgúns concellos, que valoran e apoian a súa actividade: “Hai concellos que apoian de maneira brutal ás corais, como o Concello de Abadín, que están encantados de que esteamos nós que dinamizamos a 30 e pico de persoas e que nas actuacións enchamos o salón de actos do concello”, conclúe.