Pablo Rivas Folgueira, alcalde de Portomarín: “Son alcalde porque quero e porque confiaron en min”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Para nada foi algo planificado, foi algo que xurdiu de rebote por axudar aquí ao anterior alcalde e á anterior corporación, que eran amigos meus. Pouco a pouco vas vendo como é isto, axudar aos veciños e facer algo polo pobo, ata acabar sendo alcalde.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Hai dúas lexislaturas que me unira á candidatura do Partido Popular coa anterior corporación e quería colaborar no proxecto. Metéronme nunha lista e fun asumindo responsabilidades. Despois, estiven de tenente de alcalde, cun traballo máis diario, ata que o alcalde deixou a política e quedei eu como alcalde. Para min, gañar as eleccións de 2023 foi un orgullo, porque ademais melloramos os resultados. Foron as miñas primeiras eleccións coas miñas propostas e sendo a cabeza visible da candidatura. Afronteinas con tranquilidade, porque tiñamos un proxecto claro e tratamos de trasladárllelo aos veciños, apoialos e asumir esa responsabilidade diaria.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
O certo é que ningún; son alcalde porque quero e porque confiaron en min. Sarna con gusto non pica. Estou moi contento. Na vida persoal hai cambios, tes que estar pendente as 24 horas, pero intento facer o mesmo que me gustaría que fixesen por min.
E beneficios?
Vexo máis beneficios. Estou facendo algo que me gusta e é un orgullo ser o alcalde do lugar onde nacín e onde vivo.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Case non hai distinción entre vida pública; é un conxunto de todo: es alcalde e veciño 24 horas, non vexo diferenza entre unha cousa e outra, e hai que intentalo levar o mellor posible.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Obxectivos a nivel político é seguir traballando por Portomarín, mantendo as cousas que estamos facendo ben, como son as oportunidades de traballo e actividades para os veciños. Portomarín é un dos concellos con maior renda per cápita, e é un orgullo. E, logo, poñerse obxectivos a curto prazo, como a creación de vivenda para a xente nova. En definitiva, seguir apostando polos nosos puntos fortes e seguir mellorando.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Queremos seguir na liña de tratar de crear vivenda para as familias de Portomarín, que é un pouco o que falta actualmente. Tratamos de crear oportunidades para a promoción privada ou pública, para que poida haber esa oferta que agora mesmo falta.
Cales son as principais liñas do seu programa?
As liñas de actuación que adoito seguir sempre son, por unha banda, a promoción turística de Portomarín. Por outra banda, seguir apostando polo rural, porque moitas veces asociamos o turismo de Portomarín ao Camiño de Santiago, pero dous terzos da poboación de Portomarín vive do rural, da gandaría, da agricultura, entón debemos seguir apostando por mellorar as infraestruturas dos 110 quilómetros cadrados de Portomarín. E, por outro lado, unha liña na que destacamos bastante é seguir mellorando a conciliación familiar. Somos un dos concellos pioneiros da contorna en todos os programas de conciliación familiar, tanto para familias, nenos e maiores, para todos. Son así as tres grandes liñas.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
As principais necesidades son a falta de vivenda para as familias e a creación dunha potabilizadora e dunha depuradora que atenda as necesidades actuais do pobo, que se multiplicou por 10 desde a creación das instalacións que temos actualmente, que xa están un pouco obsoletas.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
De todos os programas de conciliación familiar, para nenos e adultos, que sempre tiveron moi boa acollida e con eles cubrimos unha necesidade moi grande das familias traballadoras de Portomarín. Todos estes programas e actividades afectan directamente ao benestar e á calidade de vida dos veciños, igual que outras grandes obras que tamén se fan e que son necesarias, pero o máis importante é tratar de mellorar o benestar das familias.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gústame que me vexan como unha persoa próxima, que os atende e que se preocupa das súas necesidades.
Como é a súa relación coa oposición?
Ben no persoal, e no político é unha relación cordial.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
36, solteiro, sen fillos
-Profesión e formación
Arquitecto técnico e gandeiro
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Arquitecto técnico
-Que quería ser de maior
Arquitecto
-Que fai para desconectar?
Atender á gandaría, vir á explotación familiar faime desconectar e axúdame bastante
-Unha virtude e un defecto
Habería que preguntarlle aos veciños
-Un consello para compartir
Que sexan felices
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Non son amante da lectura nin do cine, e gústanme Los Suaves
-Unha afección
Montar a cabalo
-Un lugar que visitar
Portomarín
-Unha comida e unha bebida
O cocido e unha caña
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Os meus pais
-Unha posesión preciada
Non son moi materialista
-Un desexo
Que aos meus non lles falte de nada
-Algo para esquecer
Nada, de todo se aprende
-Que é o que máis valora nunha persoa?
A súa honestidade e lealdade
-Un desafío pendente
O Camiño de Santiago a cabalo
-Onde se ve en cinco anos?
En Portomarín