Pablo Trigueros reforza a defensa do CD Lugo para a tempada 2025/26

O Club Deportivo Lugo pechou a incorporación de Pablo Trigueros para reforzar o centro da zaga na próxima tempada 2025/26.
O defensa, natural de Toledo e nado en 1993, formouse nas categorías inferiores do Atlético de Madrid e conta cunha traxectoria ampla no fútbol estatal, con pasos por equipos como a SD Ponferradina, CD Mirandés, RC Deportivo, Cultural Leonesa, Nàstic de Tarragona e, máis recentemente, o FC Andorra.
Durante o pasado curso, Trigueros defendeu a camiseta do conxunto andorrano, co que conseguiu o ascenso á Segunda División, participando en 24 encontros oficiais entre liga e copa. Non é alleo aos logros deste tipo, xa que tamén formou parte do plantel da SD Ponferradina que subiu á categoría de prata na campaña 2018/19.
Con máis de 200 partidos entre Primeira Federación e Segunda B, e medio cento de encontros en Segunda División, o zagueiro consolidouse como un futbolista fiable nos esquemas defensivos de equipos con ambición. Chega ao Anxo Carro cun contrato por unha tempada, ampliable por un ano máis segundo o cumprimento de obxectivos.