Paco Nieto, xornalista e escritor: “A radio foi a miña vida”

LugoXa
O xornalista lugués Paco Nieto dedicou 47 anos da súa vida á radio e, agora, xa xubilado, vén de presentar o libro ‘Bon proveito, amiguiños. Lugo, 90 anos de radio (1935-2025)'
Paco-Nieto-libro-radio
22 Oct 2025

Jessica Fernández

Paco Nieto, nado en Lugo en 1954, comezou a traballar na radio con só 16 anos, “na mellor profesión do mundo”, tal e como di el. Comezou a súa andaina en Radio Popular, hoxe Radio Cope e traballou en Radio Lugo (SER) desde o ano 1999 ata a súa xubilación. Membro da Asociación Nacional de Profesionais de Radio e Televisión desde 1982 e do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, tamén foi fundador do grupo 'Fuxan vos Ventos’ que hoxe dá nome ao novo auditorio. Impulsou a primeira emisora en liña de Galicia, openradio.es; actuou como moderador dos debates de TeleLugo, foi conferenciante nas 'Primeiras Xornadas de Radio Escolar’, organizadas pola Xunta de Galicia, e participa nas 'Xornadas sobre ou presente e ou futuro dá radio en Galicia', organizadas polo Instituto de Estudos da Comunicación en Santiago. Tamén imparte charlas e conferencias sobre a historia da radio en Galicia e participa na Organización da Semana da Radio Española, organizada pola Deputación Provincial de Lugo. Cabe destacar que ao longo da súa carreira profesional, Nieto realizou preto dun cento de programas radiofónicos.

Como xorde a idea de escribir este libro?

En primeiro lugar, porque este ano, 2025, fai exactamente 90 anos que o 27 de outubro do ano 1935 se inaugura a primeira emisora de radio en Lugo. E a xente preguntarase: “Por que non esperou a que se fixeran os 100 anos?” Pois porque igual xa non andamos por aquí. Oxalá que si, pero non o sabemos (ri). En segundo lugar, o mesmo día da inauguración, Don José Trapero Pardo estivo alí e tivo unha continuidade na emisora, sendo no ano 58 cando fixo un programa que se chamaba ‘Cousas da nosa terra’ onde contaba modos e xeitos costumbristas e refráns, que el recompilou arredor duns 11.000 en galego; e nese programa despedíase dicindo: “Bon proveito, amiguiños”. Por iso, este libro tamén é unha homenaxe e unha forma de poñelo en valor, xa que considero que José Trapero Pardo está esquecido e paréceme unha verdadeira mágoa que non se lle poña un pedestal, porque o merece. Foi membro da Real Academia Galega, director do Museo Provincial de Lugo, o primeiro e único cronista que houbo nesta cidade… e nunca se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Que aportou a radio a Lugo?

Eu creo que foi un cordón umbilical entre o medio de comunicación e a sociedade. A Radio en España chegou no ano 1924 e foi aparecendo nas grandes urbes, ata que chegou a Lugo 11 anos despois, onde había 30.000 habitantes e uns 400 aparatos de radio censados. Así, rapidamente en Lugo comezouse a coñecer a Casa da Radio, que estaba na praza de Ángel Fernández Gómez, onde estivo Radio Lugo ata o ano 80 e pico, que se trasladou a Santo Domingo.  Houbo unha implicación moi grande dos profesionais, e tamén moita xente da sociedade que quería participar da radio. Hoxe en día, eu creo que, a radio perdeu a súa esencia, e a esencia era a proximidade cos oíntes. Cando digo proximidade, quero dicir o local, un informativo, uns discos dedicados, tertulias... un estar preto dos oíntes. Agora hai outro concepto de radio con grandes cadeas, tremendamente comerciais, e estaría ben que polo menos a súa función estivese máis repartida, xa non falo dun 50-50, pero talvez dun 60-40 ou dun 70-30. Por exemplo, unha cidade como Lugo, igual que moitas outras, non pode ter un informativo local de 10 minutos.

Desde a perspectiva dunha persoa con tanta bagaxe profesional no mundo da comunicación, como valora esa perda de contido local?

Hai un problema é e que estamos todos sumidos nunha cantidade de información inasumible e, á vez, as novas xeracións ven as redes sociais como un refuxio, pero ao final é máis barullo e balbordo; e cando hai unha saturación, debería haber mecanismos para diversificar e non invadir. Non quero que se malinterprete, non falo de censura nin limitación, falo de achegar algo claro dentro de un desorde no que o que se busca é manipular e, quen sabe, si dominar á sociedade e así poder manexala. Estase chegando a un límite no que o seguinte paso é o baleiro, polo que se debería reflexionar. Porque, a onde imos? A min paréceme importantísimo ler xornais, relelos e analizar o que pon. Pero non me gusta o exceso de firmas, somos miles de árbitros opinando, deberíamor ter referentes pero non “invasores”. Tamén está cambiando a linguaxe do xornalismo, que, obrigada socialmente, estase volvendo máis coloquial. Eu considero que moitos articulistas se equivocan cando poñen nas súas mensaxes un insulto, un taco... non creo que o xornalismo deba facer iso. O xornalismo é un labor que se basea en formar, informar e entreter, e hoxe en día case, moitas veces, case nin entretén. Eu creo que ese labor debería recuperarse.

"O xornalismo básease en formar, informar e entreter; e ese labor debería recuperarse"

Cre que esa maneira de tratarnos entre nós e desde os medios de comunicación tamén vén influída polo ambiente de crispación que se ve na política?

Eu vexo a política “enfurecida”, así de claro. Non me gusta o que vexo, nin moito menos. E eles son os culpables porque son os que están moldeando a sociedade. Creo que no están adecuados e ensamblados na sociedade. E eu creo que teñen culpa, e deben pagar por iso. Tamén hai un abandono da política por parte da xente, xa non digo máis formada, pero si por persoas cunha sensibilidade especial como a que existía cando chegou a Democracia a España nos anos 70, cando había xente cun gran bagaxe cultural e formativo. Hai un hastío entre a xente preparada que non cre que poida dedicarse á política porque está demasiado formada e é demasiado legal. En Lugo, este mandato está a ser tremendo especialmente para o PSOE, entre os problemas de saúde dos concelleiros e os falecementos e as rifas non sei onde vai parar esta organización política. Pola súa parte, a candidata do Partido Popular ten moi polarizado o panorama desde a súa figura, o que considero un erro. Debería abrir o seu equipo e ten que elixir e delegar. Pola súa banda, o BNG debería abrirse máis e conectar coa sociedade, está pechado no seu asemblearismo e “nos nosos”; poderá acadar cotas importantes, pero non crep que chegue a gobernar. Tamén volveron agora partidos como o Partido Galeguista que tenta facerse notar; dáme medo que o acabemos confundindo todo. Creo que Vox pode entrar no Concello de Lugo, porque hai un hastío e un cansazo que fará que xente nova acabe votando esas ideas.

A súa visión do xornalista, da política e da sociedade en xeral vén precedida polo seu labor incansable en favor da comunicación durante 47 anos en Lugo, como valora a súa traxectoria?

Eu só teño palabras de agradecemento, porque atopei persoas e compañeiros de verdade, de corazón, que se converteron en amigos. Tiven xefes, directores, etc. que me abriron as portas e dixeron: ‘Fai”. Polo que depositaron a súa confianza en min e por iso sempre estarei eternamente agradecido. Quero destacar a Benito Vázquez Regueira, que foi o director de COPE de Lugo, e a Julio Beberide Martínez. Julio BeBeride, quen me deixou terreo en Radio Lugo para facer o que quixen. Tamén compañeiros como Teresa Castro, Jesús Mato, que estivo na terceira emisora de radio que se abriu en Lugo, no ano 1963, Ondas Populares de Sarria. E tampouco me podo esquecer de verdadeiros amigos e admirados, como Arcadio Silbosa, Pepe Seijo e José Areñas. En definitiva, para min, a radio foi vida. É a mellor profesión do mundo porque nin sequera un minuto se parece a outro.

Con 71 anos é difícil ver a Paco Nieto parado, que vén despois deste libro?

Ando argallando outro libro. Quedei moi satisfeito con este, aínda que todo é mellorable e creo que quedan nomes por mencionar, a pesar de haber polo menos 500, pero aproveito esta entrevista para dicir que na última páxina do libro está o meu enderezo electrónico e se alguén cre que debería mencionar algunha anécdota que non estea recollida, que me escriba, xa que é probable que haxa unha segunda edición. E, despois, estou levando a cabo un proxecto co que o estou pasando divinamente, que é o obxectivo, ocupar o meu tempo de xubilado, que é un libro chamado ‘Querido Lugo’, que versa sobre a historia social de Lugo nos anos 40 e 50 no que recollo historicamente, salvando as distancias de non ser eu historiador, pero é unha literatura humilde. Espero que haxa un ‘Querido Lugo 2’ para falar dos anos 60 e 70 e, se a vida me dá tempo, podería seguir. Finalmente, teño unha afección de coleccionar voces de galegos e galegos que oxalá alguén continúe cando eu xa non poida, porque levo arredor dunhas 3.500 voces recollidas de persoas de certa significación. Paréceme importante conservar e manter o que temos e evitar recrear certos aspectos culturais a través da intelixencia artificial. Como diciamos antes, non sei cara a onde imos, pero eu non o entendo.

⚙ Configurar cookies
0.07342791557312