Palacio do Rei logra o primeiro premio no Día da Muiñeira de Cee

GaliciaXa | LugoXa
A agrupación de Palas de Rei impúxose na categoría B nun encontro que reuniu a arredor de 600 participantes
Palacio-do-Rei-Día-da-Muiñeira-de-Cee
6 May 2026

A agrupación palense Palacio do Rei acadou o primeiro premio na 38 edición do Día da Muiñeira de Cee, celebrada o pasado 1 de maio, consolidándose como unha das referencias actuais da música e do baile tradicional galego. O galardón chegou na categoría B, destinada a participantes maiores de 14 anos.

Este evento, considerado un dos principais encontros da cultura popular na localidade da Xunqueira, reuniu nesta edición a arredor de 600 persoas entre bailadores, bailadoras, pandereteiras e gaiteiros, procedentes tanto da contorna como de distintos puntos de Galicia. Ademais da agrupación anfitrioa de Cee, participaron colectivos chegados de Palas de Rei, Santiago, Betanzos, Teo, Baio, Louro, Outes, Vimianzo, Boiro, Corcubión e Fisterra.

Máis alá das actuacións a concurso, todas as agrupacións participantes compartiron escenario para interpretar conxuntamente a Muiñeira do Hío, nun momento destacado dunha cita que suma xa 38 edicións e que continúa a reforzar o valor da tradición galega.

No apartado de premios, na categoría A, destinada a menores de 14 anos, o primeiro posto foi para Adro de Baio, mentres que na categoría B o recoñecemento principal recaeu en Palacio do Rei.

A agrupación de Palas de Rei conta na actualidade cunha canteira de 42 alumnos e alumnas de diferentes idades, que participan de forma habitual en actuacións e certames tanto dentro como fóra da comunidade galega. A súa actividade formativa desenvólvese habitualmente os venres pola tarde na Casa de Cultura da localidade.

Ademais, o colectivo organiza en Palas de Rei un festival de danza tradicional coincidindo coas festas patronais de setembro, no que amosan o traballo realizado ao longo do ano e convidan a outras agrupacións coas que manteñen colaboracións.

0.14317679405212